As historias de mulleres enchen esta fin de semana o Mercado de Tomiño Teatro para adultos con ‘Matrioskas’, de Charlatana o sábado 24 (18h) e infantil con ‘A maleta da avoa’, de Raquel Queizás o domingo 25 (18h)

A Programación de Primavera do Concello de Tomiño continúa esta fin de semana con dúas novas actividades, teatro para adultos e contacontos. Nesta ocasión o escenario elixido para representar ambos espectáculos será o Mercado de Tomiño.

A primeira en desembarcar en Tomiño será a Cooperativa Galega de Artistas Charlatana, que chega este sábado 24 de marzo coa súa nova produción, ‘Matrioskas’, un espectáculo dirixido por Brais Hortas no que a contadora Marta Ortiz e a cantante Sofía Espiñeira se subirán ao escenario para poñerlle voz a historias de vida de diferentes mulleres que foron “pasando dunhas a outras nun fío invisible, coma os puntos que se soltan dun tecido, coma a onda do mar que morrendo se xunta coa seguinte”. Os veciños e veciñas poderán desfrutar desta obra teatral, recomendada para maiores de 15 anos e financiada pola Deputación de Pontevedra, a partir das 18.00 horas no Mercado de Tomiño.  A entrada será de balde.

Para toda a familia

Pola súa banda, a tarde de domingo en Tomiño estará dedicada ao público familiar. Raquel Queizás, considerada unha das mellores narradoras galegas do momento, chegará ao Mercado para abrir as portas a un mundo de contos e fantasías nunha tarde de tradicións e ocio con moitas sorpresas. A contadora levará con ela ‘A maleta da avoa’, unha maleta que representa a memoria e na que a protagonista garda todos os contos que a súa avoa lle contaba cando era unha nena á hora de comer, cando ían lavar a roupa ao río ou traballando no campo.

Queizás chegará coa maleta cargada de pequenos tesouros, libros, culleres, bonecas de millo, sombreiros… e monicreques e adiviñanzas cos que entreter a nenos e nenas. Este espectáculo familiar, dirixido especialmente a cativos e cativas a partir dos tres anos, comezará ás 18.00 horas no Mercado. A entrada, de balde.

Estas dúas obras forman parte da Programación de Primavera do Concello de Tomiño e enmarcase na serie de actividades organizadas ao longo de marzo como Mes da Muller, no que todas as accións programadas teñen un claro protagonismo feminino e de loita pola igualdade.