As rúas de Tomiño énchense de científicos e lume co desfile do alumnado do Pedro Caselles e o Mestre Manuel Garcés Preto de 300 rapaces e rapazas percorreron o centro da vila disfrazados para celebrar a súa particular festa de entroido

As rúas de Tomiño enchéronse este venres pola mañá de cor coa celebración dun anticipado ‘Venres de foliada’ a cargo dos e das estudantes de dous centros educativos de Tomiño. Arredor de 340 rapaces e rapazas do CEP Pedro Caselles Beltrán e do CRA Mestre Manuel Garcés percorreron as rúas da vila disfrazados para celebrar de xeito conxunto a súa particular festa de entroido.

Arredor de 130 alumnos e alumnas do CRA desfilaron disfrazados de lume, en todos vermellos, laranxas e amarelo, mentres que os 210 representantes do Pedro Caselles elixiron como temática dos seus disfraces a ciencia. Entre os rapaces e rapazas había experimentos, científicos tolos, disfrazados de Einstein… que encheron sobre todo de blanco as rúas do centro de Tomiño.

O desfile saía ás 10.45 do CEP Pedro Caselles para subir pola rúa Mosteiro ata o cruce coa rúa Gondomar e chegar a través da rúa Colón ata a Praza do Seixo. Alí, diante do concello tomiñés, os rapaces e rapazas fixeron unha foto de familia con todos os profesores e profesoras ante a atenta mirada de moitos familiares dos estudantes.

Tras a parada no Concello o desfile continuou de novo cara a rúa Gondomar e Mosteiro para rematar de volta no CEP Pedro Caselles, onde os nenos e nenas desfrutaron dunha merenda e recreo conxunto.



X