Carmela Silva condena a violencia de xénero dende Tomiño e resalta o compromiso da alcaldesa con este tema

  • A actriz ourensá Uxía Morán escenificou “A última cea”; un duro retrato da muller maltratada

 

DSC_1467 (Copy)

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, condenou de forma tallante a violencia de xénero, que nos últimos 10 anos provocou máis de 800 vítimas, e resaltou a importancia de esixir ás administracións que dediquen máis recursos para loitar contra esta lacra social. Silva resaltou o compromiso da alcaldesa de Tomiño, Sandra González (ausente por razóns de saúde), co tema da igualdade e da loita contra a violencia de xénero, e lembrou a necesidade de traballar xuntos dende todas as administracións.

 

A titular da Deputación fixo estas declaracións na Praza do Seixo, no concello de Tomiño, que acolleu este mediodía  o acto “Mulleres en acción. Violencia Cero”, e que contou coa presenza do tenente de alcalde e deputado Uxío Benítez e a súa compañeira Digna Rivas. Tamén acompañaron á presidenta a concelleira de Cultura e Servizos Sociais de Tomiño, Cristina Martínez, e a comisaria de Mulleres en acción, Paula Cabaleiro. A primeira, afirmou a vontade de apoiar incondicionalmente iniciativas deste tipo. “Dende o Concello de Tomiño, sumámonos a este proxecto coa meta de concienciar sobre a importancia de loitar contra a violencia machista”, precisou.

 

A actriz ourensá Uxía Morán foi a encargada de interpretar ante o público, a peza teatral unipersoal “A última cea”, logrando un retrato duro e contundente da muller maltratada. A actriz escenificou a vida dunha muller dende o día da voda, quedando logo confinada no fogar e vendo “como a ilusión da promesa de amor que se lle fixo no altar, vaise diluíndo pouco a pouco” A artista quixo ademais por en tela de xuízo o papel da relixión na educación das mulleres, que obedece a estereotipos de submisión, sacrificio, etc.

 

 

Mulleres en acción. Violencia Cero trátase dun proxecto de acción artística que se desenvolve no espazo público co fin de reivindicar a igualdade de xénero, concienciar á poboación do problema da violencia machista e, sobre todo, para tratar de unir forzas para loitar contra esta secuela presente na nosa sociedade.

Durante o 2016, seleccionáronse 10 lugares no espazo público de cidades e pobos da provincia inmersos no programa, que no 2017 ampliará o seu campo de acción a 25 municipios, segundo o anunciado hoxe por Carmela Silva.