19 Set 2016 Catro artistas internacionais daranse cita no II Simposium de Escultura do Miño Tomiño-Cerveira

Durante tres semanas os escultores, de Taiwán, Bulgaria e Colombia, traballarán en vivo dentro dun proxecto conxunto de Tomiño e Cerveira

O Simposium Internacional de Escultura do Miño contará na súa segunda edición con catro escultores internacionais que darán forma ás súas obras en vivo, en contacto permanente coa xente que queira achegarse a coñecer o seu traballo.

Este ano a cita será en Vila Nova de Cerveira, xunto ao Baluarte de Santa Cruz, entre os días 23 de setembro e 12 de outubro. Lugar donde se celebrará o certame. Xunto a Baluarte de Sta. Cruz

Con carácter transfronteirizo, a iniciativa pretende desenvolver o intercambio intelectual e profesional entre os artistas participantes e o público, onde os escultores van traballar ao ar libre nun espazo público, coa intención de que todos poidan disfrutar e apreciar a evolución dos traballos, interactuando directamente cos artistas.

A actividade foi presentada oficialmente este mediodía na Cámara Municipal de Cerveira, polo presidente da Cámara, Fernando Nogueira, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e a concelleira de Cultura, Cristina Martínez.

Os escultores seleccionados para esta segunda edición, todos de relevo internacional, son o colombiano Fernando Pinto, a búlgara, residente en Tomiño, Liliya Pobornikova, e os taiwaneses Lee, Zih-Cing e Teng, Shan-Chi.

Todos eles crearán as súas obras en grandes bloques de pedra, a maioría mármore, dos que irán sacando formas , volumes e figuras insólitas que sorprenderán ao viandante.

As pezas serán logo situadas en lugares estratéxicos de ambas vilas, como se fixera xa na primeira edición, que tivo lugar -lembramos- no ano 2014 no Espazo Fortaleza de Goián.

O presidente da Cámara Municipal, Fernando Nogueira, explicou que nesta segunda edición a organización recaerá maiormente en Portugal, xa que na primeira, foi Tomiño quen se ocupou das tarefas loxísticas. Esta vez, o simposium será coordinado por Vítor Reis, tamén escultor e un dos seis participantes da primeira edición.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González,pola súa banda, salientou a intención de ambos equipos de goberno de “achegar a arte á rúa”, tendo en conta que tanto Cerveira coma Tomiño son terra de artistas e comparten un patrimonio material e inmaterial común.

A concelleira de Cultura de Tomiño, Cristina Martínez, pola súa parte, comentou que o obxectivo deste evento é engalanar os nosos concellos de arte e ao mesmo tempo, afondar na cooperación transfronteiriza. Tamén contribuír á dinamización turístico-cultural dos dous municipios cun evento internacional que se celebrará bianualmente.

 

 



X