Centos de persoas pasaron onte polo cuarto Biomercado de Tomiño O bo tempo e a oferta de produtos ecolóxicos e música en directo influíron na consolidación do evento

Unha vez máis, o Biomercado foi todo un éxito. Centos de persoas así o confirmaron coa súa visita ao longo de toda a xornada. Gran participación nos obradoiros de pan e xogos; exquisitas degustacións para todos os padais; exposición e venda de produtos ecolóxicos, artesanía, gastronomía saudable…charlas moi interesantes sobre negocios emprendedores…e música da boa da man de Sabela Cereijo e Cherry Sweet…puxeron de manifesto a consolidación do evento, que este ano chegaba a súa cuarta edición.

Novidades coma a preparación e degustación de platos con estrugas (ortigas) e os obradoiros de pan foron dúas das grandes atraccións, espertando o interese de persoas de todas as idades. Se ben a mañá rexistrou un bo número de visitantes, foi a tarde a que congregou maior afluencia de público.

Asemade, as charlas sobre emprendementos no rural, nas cales os promotores  contaban a súa experiencia, foron outro dos focos de atracción, rexistrando boa asistencia de persoas interesadas.

Máis fotos no Facebook do Concello (https://www.facebook.com/concellodetomino)