20 Set 2017 Cerveira e Tomiño celebran a primeira Festa da Amizade A iniciativa nace do Orzamento participativo do 2016 e foi elexida por votación popular entre outras propostas

Os concellos de Tomiño e Vila Nova de Cerveira  levan anos colaborando e construíndo toda unha serie de accións para promover en conxunto. Neste marco promoveuse a Axenda Estratéxica de Cooperación Transfronteiriza entre ambos municipios, que recentemente obtivo fondos europeos FEDER a través do programa INTERREG VA POCTEP.

Entre as iniciativas compartidas que se contemplan na devandita axenda de cooperación, atópase o Orzamento Participativo Transfronteirizo (OPT), onde entidades, asociacións e particulares de ambos lados do Miño propoñen a realización de accións diversas no ámbito da cultura, o deporte, a educación, o medio ambiente, etc. Posteriormente,  as persoas residentes de ambos muncipios elixen unha iniciativa de cada categoría mediante votación popular a través da web do programa, participacerveiratomino.eu.

A Festa da Amizade foi seleccionada entre as accións do OPT na súa primeira edición, e celebrarase este fin de semana, desde o venres 22 ao domingo 24 cunha variada oferta de lecer, artística e cultural. O venres terá lugar a cerimonia de apertura a partir das 20:30h coa actuación do Coro Infantil de Tomiño e o Coro Infantil Pauta de Caprichos de Vila Nova, seguido dunha mostra das asociacións. Chegada a noite, ás 21:30h dará comezo un encontro musical a cargo da Agrupación Musical de Goián e da Academia de Música Fernandes Fao.

O sábado 23 seguirá con oferta para todos os gustos, con actividades como a actividade de bautismo no Miño onde todas as pesoas interesadas poderán remar en pirauga e/ou kaiak, teatro, obradoiros de teatro para infancia e público adulto, presentación do libro MAMÁ, QUIERO SER DJ, arte urbana e moito máis, que finalizará pola noite cunha sesión de DJs de ambas marxes.

O domingo rematará esta primeira Festa da Amizade cunha andaina transfronteiriza pensada para dar a coñecer o patrimonio histórico ligado ao Miño e ás súas fortalezas ribeireñas con saída da fortaleza de San Lourenzo ás 12h e regreso dende Cerveira en barco ás 13h.

O programa pódese consultar na web de ambos municipios, e non é necesario inscribirse para participar (a excepción da masterclass de DJ).



X