CERVEIRA e TOMIÑO dan a coñecer os proxectos de cooperación que presentan conxuntamente a programas europeos

Presentación POCTEP. 2_2778x1852 Presentación POCTEP. 1_2717x1811

O desenvolvemento da Axenda estratéxica Cerveira-Tomiño, a xestión compartida de servizos locais, a dinamización da economía local trasfronteiriza e a capacitación, centran o esforzo común de ambas rexións

Os concellos fronteirizos de Tomiño e Vila Nova de Cerveira presentan, baixo o lema Amizade Cerveira-Tomiño, un proxecto europeo que busca fortalecer a cooperación entre ambos municipios en distintos ámbitos de traballo. Este mediodía, no segundo andar do Mercado de Tomiño, a alcaldesa Sandra Gonzalez e o presidente da cámara de Vilanova de Cerveira, Fernando Nogueira, presentaron, o proxecto da candidatura conxunta ao Programa Operativo Europeo de Cooperación Trasfronteiriza (POCTEP)- INTERREG V-A , nutrido con fondos FEDER.

A devandita candidatura parte das accións contidas na Axenda de Cooperación Transfronteiriza Cerveira-Tomiño, elaborada durante o 2014 coa participación de numerosos representantes de diferentes sectores da sociedade tomiñesa e cerveirense. Asemade, conten catro grandes áreas de cooperación entre administracións municipais e sociedade civil de ambos concellos. Estas, a súa vez, desglósanse en varias accións ou programas específicos, até un total de nove que, de ser aprobados, poríanse en marcha por fases, ao longo dos anos 2016, 2017, 2018 e 2019.

A primeira desas áreas é a Dinamización da Axenda estratéxica Cerveira Tomiño elaborada hai un par de anos. A segunda refírese á xestión compartida de servizos locais para cidadáns de ambos concellos, e a terceira contén accións de dinamización da economía local trasfronteiriza, a través de dous eixes vertebradores: a produción de plantas ornamentais e o turismo. A cuarta e última área contempla un programa de capacitación e participación de axentes sociais e económicos de ambas vilas, en redes de cooperación.

O custe total do conxunto de proxectos referidos elévase a 593.000 € distribuídos anualmente até o ano 2019, dos cales, de aprobarse a candidatura, o 75% serían financiados con fondos FEDER da Unión Europea, a través do programa operativo INTERREGV-A, na súa concreción para a Península Ibérica (POCTEP), e o restante 25%, sería asumido a partes iguais polos concellos raianos. No acto de hoxe, no que tamén estiveron presentes o Comandante Naval do Miño, o Subdirector Xeral de Acción Exterior e Cooperación Transfronteiriza, Xosé Lago, e o deputado provincial e concelleiro tomiñés Uxío Benítez, a alcaldesa de Tomiño salientou o traballo das intitucións, técnicos e cidadáns de ambas vilas, co obxectivo de “borrar a fronteira, aproximar pobos veciños e facer do feito transfronteirizo unha vantaxe para as nosas poboacións”.

A rexedora local deulle a palabra a técnica de planeamento da Cámara de Vila Nova, Sonia Antúnes, quen explicou cada unha das accións que propón a candidatura conxunta. Máis datos Na primeira das actividades contémplanse accións de desenvolvemento da propia Axenda Estratéxica, como son a creación de órganos consultivos compartidos e comisións de traballo sectorializadas, onde participarían representantes asociativos da sociedade civil de ambos concellos.

Ademais desenvolverase un novidoso Programa De Participación Cidadán Transfronteiriza, que contempla a creación da figura do Valedor da Cidanía Transfronteiriza e do Orzamento Participativo Transfronteirizo.

A segunda actividade consistirá no reforzo do programa de Partillamento de Servizos e Equipamentos Públicos entre ambas cámaras, xa iniciado este ano coa piscina municipal de Cerveira e que contemplará a posta en común de novos servizos, coma unha escola de teatro e música ( esta acción bautizarase coma “Notas de música por gotas de agua”), ou un programa de deporte para maiores e discapacitados, etc.

A terceira área de cooperación incluída no proxecto que se presentou este mediodía, é de dinamización económica e está centrada en dous sectores de grande importancia no territorio: a produción de plantas ornamentais e o turismo.

Por último, o cuarto bloque de activades conten accións de intercambio de experiencias con outros lugares de fronteira que tamén cooperan, tanto na fronteira ibérica, coma noutras de Europa, co fin de adquirir boas prácticas de cooperación trasfronteiriza, ademais da realización bienal de novas xornadas de cooperación para afondar nos debates e busca de accións e proxectos conxuntos.

Tomiño e Cerveira tamén participan noutra candidatura, que a Deputación e CIM Alto Miño, presentaron baixo o nome de VISI_RIO MINHO, un proxecto de formación do parque transfronteirizo Castelinho-Fortaleza, que foi presentado o pasado dia 13 de febreiro en Tui polos presidentes de ambas institucións e mais o deputado-delegado para a cooperación trasfronteiriza no Miño, Uxío Benitez.