Cerveira-Tomiño, exemplo de mobilidade sustentable transfronteiriza Bandeira "Vila de Excelência - Nivel II" a Cerveira polo seu traballo cooperativo

A Unidade de Misión para a Valorização do Interior (UMVI), de Portugal, concedeu a Bandeira “Vila de Excelência – Nivel II” a Cerveira polo seu traballo cooperativo

 Excelencia 2A Coordinadora da Unidade de Misión para a Valorização do Interior (UMVI) de Portugal, Helena Freitas, reiterou, onte en Vila Nova de Cerveira, “a exemplar estratexia encetada por dous concellos de dous países” e que, cos novos proxectos en perspectiva, “só engadirán maior dinámica e valor a este territorio común”. As declaracións foron feitas durante o izado da Bandeira “Vila de Excelência – Nivel II” a Cerveira-Tomiño.

 

Nunha cerimonia simple, mais cargada de simbolismo, o municipio cerveirense, e por extensión, o seu homólogo tomiñés, viu recoñecido  pola Rede de Cidades e Vilas de Excelência, o meritorio traballo desenvolvido en prácticas innovadoras nos eixes da mobilidade e da rexeneración de ámbito transfronteirizo.

 

Afirmando a importancia do río Miño e da implementación de políticas ambientais, o primeiro edil cerveirense, Fernando Nogueira, afirmou que a cooperación transfronteiriza entre Cerveira e Tomiño ten crecido sostidamente, mais coa ambición enfocada no paso seguinte. “Recentemente foron aprobadas dúas candidaturas no Interreg V A, unha da Axenda Estratéxica da Amizade Cerveira-Tomiño, e outra para o proxecto de ampliación do Parque Transfronteirizo Castelinho-Fortaleza con cerca de 20ha, que inclúe o proxecto da travesía peonil e ciclável sobre o río Miño, e que fará a conexión deste espazo. Esta bandeira é o recoñecemento dos nosos proxectos”, explicou Fernando Nogueira.

 

Pola súa banda, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, subliñou a intensificación da cooperación transfronteiriza “conseguida os últimos anos, con varios mecanismos para desfronteirizar cada vez máis os territorios”. A rexedora reiterou a implementación do concepto de mobilidade sustentábel “a través do tren, a Ponte da Amizade, a futura travesía peonil, e o aproveitamento común de recursos e equipamentos”.

 

Á súa vez a Paula Teles, da Rede de Cidades e Vilas de Excelência, eloxiou o traballo desenvolvido por Vila Nova de Cerveira. “Ter dous territorios de dous países distintos a traballar en prol do mesmo obxectivo é innovador na nosa Rede. É preciso mudar mentalidades en prol destes conceptos e este é un bo exemplo”, asegurou.