07 Feb 2017 O Cineclub Poleiro aborda o drama da inmigración cun documental sobre a traxedia humanitaria na Illa de Lampedusa

O cineclub Poleiro programa, fora das suas habituais sesións, un ciclo de duas películas que nos achegan á inmigración , á traxedia dos que escapan de guerras, fame e persecucións, explotados polas mafias, perseguidos polos seus gobernos e discriminados nos paises nos que esperan ser acollidos.

 

O venres, 10 de febreiro, no auditorio de Goián, ás 21:00 horas, proxéctase FUOCOAMMARE , Fogo no Mar. Un documental dirixido por Gianfranco Rosi, que acadou o Oso de Ouro no Festival de Berlín e o premio ao mellor Documental europeo.

 

 Fuocoammare é unha incisiva viaxe á illa de Lampedusa, o punto máis meridional de Italia e entrada a Europa dos inmigrantes. Unha metáfora dos soños esperanzas e desgracias de milleiros de persoas que perseguen a vida e atopan a morte.

Neste traballo, Rosi, cruza a chegada a Lampedusa de milleiros de inmigrantes coa vida dos habitantes desta illa siciliana, en concreto coa dun rapaz de doce anos que quere sair dela.

Durante 2016 faleceron  cinco mil persoas  en augas do Mediterráneo tentando entrar en Europa. Son un 25% máis que en 2015.  Unha media de catorce persoas ao día. Un triste record.

 

O sábado, 18 de febreiro , ás 21:00 horas o realizador guardés Nani Matos  presenta LURNA , a sua terceira produción . Narra a historia dunha muller senegalesa que busca en Galicia unha vida mellor.

O director presentará o seu traballo e o “making of”, o “como se fixo” nunha sesión con sorpresas.

 

As duas películas son de balde .

 

 

O cineclub Poleiro  conta co apoio da Concellería de Cultura do Concello de Tomiño e da Federación de Cineclubes de Galicia.

 

 

 

Máis  información Ramón Álvarez. Teléfono: 629735337



X