COMERCIANTES DE GOIÁN ORGANIZAN UNHA ORIXINAL ACTIVIDADE DE PASCUA E ESTREITAMENTO DE LAZOS COA VECIÑA CERVEIRA

Na medianoite de mañá, sábado, seis embarcacións cruzarán o Miño para entregar a “Xudas Iscariote Traidor” aos veciños e veciñas de Vilanova

Cerca de corenta comerciantes de Goián (Tomiño) organizan unha orixinal actividade de Pascua, en colaboración cos seus veciños portugueses, o Concello de Tomiño e a Cámara Municipal de Vilanova de Cerveira.

O obxectivo é compartir unha vella tradición da vila lusa, dándoa a coñecer deste lado da “raia”, e ao mesmo tempo, estreitar lazos coa poboación fronteiriza.

A actividade consiste na confección artesanal de bonecos que representan a Xudas Iscariote Traidor, elaborados con tela, espumas, las, etc., e colocados nas portas dos comercios locais, ata que o vindeiro sábado, 19 abril, ás 24.00 horas, no embarcadoiro do antigo ferry, se faga entrega deles á veciña Cerveira, coa colaboración de seis pescadores de Goián que prestarán desinteresadamente as súas embarcacións. Ademais, actuará o grupo de Gaitas Virxe do Alivio.

Mentres, nas rúas de Goián, o Xudas traidor convive nestes días cos veciños e veciñas, sacando un sorriso aos viandantes, que se deteñen a observar os atractivos bonecos.

Tamén os escolares do CEIP Antonio Fernández, percorreron as rúas de Goián, e os mestres explicáronlles esta tradición de Vilanova de Cerveira en torno a este boneco, o que significa e representa, e o por que desta actividade por parte dos comerciantes goianeses.

Con este fin, o día 15 abril, celebrouse na praza de Goián, un obradoiro de Confección de Xudiñas, dirixido a nenos e nenas, que crearon os seus propios bonecos.

A concelleira de Cultura, Cristina Martínez, lembra o apoio decidido do goberno local a este tipo de iniciativas veciñais, “que contribúen a estreitar os lazos de amizade que unen aos dous pobos, e permiten afondar no coñecemento das tradicións e da identidade cultural dos mesmos.

[justified_image_grid]