Comezan as actividades de deporte e ocio de verán Organizadas polo Concello de Tomiño

Comezaron esta semana as actividades deportivas e de ocio que oferta este verán o Concello de Tomiño, co obxectivo de axudar a conciliar a vida laboral e familiar, ademais de ofrecer alternativas de ocio e deporte durante o receso escolar.

A oferta inclúe unha decena de actividades, coma os xa tradicionais Campus de Fútbol, de tenis e pádel; cursos de pilates en familia, piragüismo, e campamentos urbano e musical.

Entre as actividades máis numerosas que arrancaron esta semana atópase o campamento urbano, celebrado nas instalacións do colexio Pedro Caselles, coa participación de máis de 70 nenos e nenas de diferentes idades. Trátase dun campamento inclusivo, que integra persoas con dificultades de aprendizaxe ou doenzas coma o autismo ou o déficit de atención, etc. Con sete monitores especializados (un por cada dez participantes) a actividade ten lugar de luns a venres en horario matutino, e nesta edición xira arredor da natureza, como eixe vertebrador de todas as actividades que se realizan durante a xornada.

A maioría das actividades comezan no mes de xullo, estendéndose algunhas tamén ao de agosto, coma ocorre cos campus de tenis e pádel e as actividades creativas (de balde) da Aula-Museo Antonio Fernández, sita en Goián.

Entre as actividades deportivas, a primeira en comezar é o Curso de Promoción do Piragüismo, que se desenvolverá en Goián coa colaboración do Club Deportivo Miño, entre o 27 de xuño e o 28 de xullo.

Durante o mes de xullo haberá ademais un Campamento Urbano (do 3 ao 28) nas instalación do colexio Pedro Caselles, para nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, con horario de luns a venres de 9 a 14 horas.

Outras das actividades que comezaron nesta semana son os campus de tenis e padel, nas pistas do Mosteiro. O primeiro, luns, mércores e venres en tres quendas, e o segundo, martes e xoves de 10.30 a 11.30. Dirixidos a nenos e nenas de entre 6 e 17 anos, son dúas das actividades máis concorridas, ano tras ano.

Tamén a Aula-Museo Antonio Fernández (Goián) imparte este verán, actividades creativas para nenos e nenas de entre 6 e 12 anos. Todos os venres de xullo e agosto, entre as 12 e as 13.15 horas, co fin de coñecer artistas locais.

A concelleira de Cultura e Servizos Sociais, Cristina Martínez, salienta o esforzo organizativo e económico do Concello, aclarando que aínda que a maioría das actividades son de pago, “os prezos son moi axustados e nos casos de familias que non poidan abonar o custe das actividades, o propio Concello farase cargo do importe, previo informe dos Servizos Sociais”.