Comezan en setembro tres novos obradoiros organizados por Mocidade en Tomiño “Faladoiro de inglés”, “Obradoiro de cócteles e bebidas sen alcohol” e “Lingua de signos”, son as tres novas propostas do Concello, cuxa matrícula está aínda aberta

A Concellaría de Mocidade organiza a través da OMIX (Oficina Municipal de Información Xuvenil), tres novos obradoiros pensados especialmente para a xente moza do concello.

Trátase de tres propostas formativas que poden abrir camiños ás mozas e mozos no mundo laboral. En primeiro lugar, un “Faladoiro de Inglés”, no que unha profesora guiará as conversas entre as persoas asistentes, arredor de temas de actualidade e interese. Adquirir soltura e destreza na fala de xeito práctico será o obxectivo principal deste obradoiro”, explica Fátima Rodríguez, concelleira responsable da área.

A actividade, que terá unha duración total de 16 horas, impartirase, en principio, os martes de 20.00 a 22.00 horas no Mercado de Tomiño. As mozas e mozos que se apunten deberán ter 12 anos ou máis; preferiblemente, nivel medio en lingua inglesa, e abonar 15 euros en concepto de inscrición.

Outro dos obradoiros que comezarán en breve é o de preparación de cócteles e bebidas sen alcohol. Este taller, de 4 horas de duración, impartirase durante dous mércores consecutivos (12 e 19 de setembro), de 20.00 a 22.00 horas, tamén no mercado de Tomiño, cunha inscrición de 10 euros e unha idade mínima de 16 anos.

Por último, o día 13 de setembro comezará un curso de lingua de signos de 30 horas de duración, no que o alumnado, de 16 años en diante, poderá coñecer as técnicas instrumentais no uso da LSE (Lingua de Signos Española), así coma de comunicación e intercambio de información entre as persoas oíntes e as persoas xordas. Esta actividade impartirase os xoves de 19.00 a 22.00 horas, ma Escola Obradoiro de Goián, cunha inscrición de 15 euros.

As inscricións poden facerse a través da páxina web do Concello:

FALADOIRO DE INGLÉS: https://tomino.gal/curso-faladoiro-de-ingles/

OBRADOIRO DE ELABORACIÓN DE CÓCTEIS SEN ALCOHOL: https://tomino.gal/obradoiro-de-cocteis-e-bebidas-sen-alcohol/

LINGUA DE SIGNOS ESPAÑOLA: https://tomino.gal/curso-lingua-de-signos/

 

Por outra banda, a OMIX organiza tamén en setembro, unhas XORNADAS DE EMPREGO E INNOVACIÓN COLABORATIVA destinadas a persoas emprendedoras que desexen repensar o seu negocio e facelo máis competitivo mediante técnicas innovadoras, ou desempregados que precisen reciclarse para acceder ao mundo laboral por conta propia ou allea.

INSCRICIÓNS GRATUITAS E MÁIS INFORMACIÓN NESTE ENLACE: https://tomino.gal/xornadas-de-fomento-do-emprendemento/