Con francés nivel avanzado, visibilidade das asociacións, tempo libre e cultivos ecolóxicos, continúa a programación formativa do Concello

En todos os cursos ten preferencia a mocidade tomiñesa, pero se quedan prazas, poden inscribirse persoas maiores de 30 ou doutros concellos

A programación anual de cursos para a mocidade tomiñesa continúa a bo ritmo. Hai unhas semanas comezaban os módulos de Cultivos Ecolóxicos e Monitor/a de tempo libre, e nestes días póñense en marcha outros dous: Francés Nivel Avanzado e Xestión Económica para Asociacións.

O de cultivos ecolóxicos ten unha duración de 40 horas, nas que se imparten os coñecementos para iniciarse neste tipo de agricultura dunha forma sostible e saudable. Os participantes aprenden a acondicionar o espazo, a terra de cultivo, organizar a plantación e estratexias para previr as pragas e enfermidades. As clases teñen lugar ata finais de maio, os martes e xoves en horario de 16.00 a 20.00 horas.

No caso de Monitor de Tempo Libre, as clases esténdense dende abril ata finais de xuño, cunha duración total de 300 horas.

Por outra banda, comeza nestes días un curso de Francés Nivel III, no que se amplían as competencias comunicativas das persoas que xa teñen coñecementos da lingua gala. Este módulo ten unha duración total de 24 horas impartidas mércores e venres, de 20 a 22 horas

Por último, o Concello organiza un curso básico de Xestión económica para asociacións, en dúas quendas, co fin de dar resposta á necesidade das directivas de entidades culturais, deportivas, etc. que teñen dificultades á hora de xestionar as mesmas dende o punto de vista económico.

Seguidamente, comezará outro módulo tamén dirixido a asociacións, para esta vez impartir técnicas para dar a coñecer as actividades que organizan e ao mesmo tempo, mellorar a imaxe do tecido asociativo, fomentando unha maior participación da poboación.