Contos vellos con novos finais para os máis de 400 estudantes de Tomiño Participaron ao longo da semana nos ‘Contacontos para a Igualdade’, unha actividade programada pola Oficina de Igualdade coa que se busca romper estereotipos de xénero

Rachar cos estereotipos de xénero e afondar en aspectos como a igualdade no ámbito laboral ou a corresponsabilidade. Eses son algúns dos obxectivos de ‘Contos vellos, novos finais’, de A Trastenda dos Contos, unha actividade posta en marcha pola Oficina de Igualdade do Concello de Tomiño para sensibilizar a todas e todos os estudantes de infantil e de 1º, 2º e 3º de primaria do municipio sobre actitudes discriminatorias dun xeito lúdico.

Máis de 400 escolares de todos os centros educativos de Tomiño participarán ao longo desta semana nesta actividade na que se traballará coas rapazas e rapaces a través dos contos e dos monólogos pero tamén da interacción co público, sempre reforzando os aspectos positivos dunha boa práctica. Así, por exemplo, a través da historia de Laura, unha rapaza á que lle daba vergoña confesar que de maior quería ser pirata, os nenos e nenas traballan a igualdade no ámbito laboral ao tempo que se fomenta a lectura como camiño cara unha aventura trepidante e a imaxinación como unha ferramenta imprescindible na casa. Mentres, A Trastenda dos Contos aborda os estereotipos de xénero co Carapuchiña Vermella e, sobre todo, co lobo, que ao longo da historia ameaza con chegar a casa causando o pánico entre o público, pero que cando chega realmente descubre que as súa supostas vítimas, os porquiños, os cabritiños… lle organizaron unha festa sorpresa de aniversario.

Este luns 26 de febreiro as alumnas e alumnos do CRA Mestre Manuel Garcés e do CEIP Pintor Antonio Fernández acudiron ao auditorio de Goián para poder participar nesta actividade. Pola súa banda, o martes os ‘Contos vellos, novos finais’ trasladáronse ao CEIP Tebra, onde tamén participaron escolares do CEIP Barrantes, e, xa este mércores 28 de febreiro, acudiron ao CEP Pedro Caselles Beltrán, que acollerá tamén ao alumnado do CEIP Sobrada. A actividade realízase en sesións divididas por infantil e primaria para evitar xuntar a estudantes de idades moi diversas, xa que o enfoque e o fomento da participación é diferente.

Dende a Oficina de Igualdade xa están a traballar ademais na organización de varios obradoiros con estes mesmos obxectivos dirixidos a rapazas e rapaces de 4º, 5º e 6º de primaria.



X