02 Ago 2017 Deputación, Concello e Xunta asinarán este venres o convenio para crear a nova avenida que rodeará o Seixo A institución provincial achegará 2.351.163,26 euros dos 3,5 millóns que se investirán na construción da nova estrada

O Concello de Tomiño asinará este venres, 4 de agosto, con Deputación de Pontevedra e Xunta de Galicia, o convenio polo que se construirá a nova avenida que rodeará e liberará de tráfico o núcleo urbano do Seixo en Tomiño. Así o manifestou o deputado de Mobilidade e concelleiro de Tomiño, Uxío Benítez, logo de que o goberno autonómico dese o visto ao acordo no Consello da Xunta.
Benítez mostrou a súa satisfacción polo paso dado polo goberno galego e subliñou que é a primeira vez que a Deputación e a Xunta de Galicia chegan a un entendemento para realizar unha intervención en materia infraestruturas no Concello Tomiño. “Dende a Deputación valoramos positivamente a colaboración institucional, xa que había un problema viario que afectaba a tres administración e démoslle saída, polo que é de felicitarse pola solución acordada”, indicou.
O nacionalista indicou que a creación da nova estrada, que terá formato de avenida e rodeará o núcleo do Seixo, é un dos proxectos máis ambiciosos do Plan de Actuacións 2017-1018 do departamento de Mobilidade da Deputación. Esta nova vía permitirá mellorar a conexión entre a vía provincial EP-3102 (Tomiño-Sabarís) e a estrada autonómica PO-344, e complementará a futura actuación autonómica da Vía de Alta Capacidade Tui – A Guarda, funcionando como acceso a Tomiño.
Segundo Benítez, a día de hoxe a confluencia das estradas provinciais EP-3102 Tomiño-Sabarís e a estrada autonómica PO-344 no núcleo urbano do Seixo xera un “grave problema de conxestión de tránsito de vehículos”, cunha intensidade media diaria de entre 5.000 e 10.000 coches, polo que o desvío do tráfico suporá “unha mellora substancial da calidade urbana e da seguranza viaria” na vila.

En canto ao orzamento, a execución desta actuacións estímase en 3.545.623,60, que se repartirán en 2.351.163,26 euros investidos pola Deputación provincial (preto do 70%), 261.240,36 euros polo Concello de Tomiño, e 933.219,98 euros pola Xunta de Galicia en concepto de contratos de servizo e expropiacións, a repartir en diferentes anualidades.

A Deputación de Pontevedra será a encargada de elaborar o documento técnico da estrada, da licitación e execución das obras, así como dos contratos de servizo accesorios para a dirección control e seguimento dos traballos.

“Un antes e un despois”
Pola súa banda, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González Álvarez, manifestou tamén a súa satisfacción por ver finalizados os trámites burocráticos para a sinatura do convenio que permitirá a nova estrada. A rexedora manifestou que a avenida que rodeará o Seixo é un proxecto no que o goberno local leva traballando anos, xa que “é unha actuación fundamental que vai cambiar a vila e que suporá un antes e un despois para o urbanismo e o casco urbano do concello”.
A nacionalista quixo destacar que a nova infraestrutura favorecerá o futuro crecemento urbanístico ordenado do casco urbano, a diferencia do que tivo sucedido “ata o de agora”, e tamén as características do vial, definido con criterios de mobilidade sustentable, segura e inclusiva, xa que contará cunha zona específica para o tránsito peonil e cicilista. “Esta nova avenida está pensada para as persoas, cun gran carril bici e espazo para camiñar, o que é moi importante para os veciños e veciñas”.



X