DESTACADA PARTICIPACIÓN DOS TEIXUGOS NA 3ª COPA DO NOROESTE IBÉRICO DE SLÁLOM

Esta fin de semana tivo lugar na canle de slálom de Alejico – Sabero, en León, a 3ª Copa do Noroeste Ibérico. Está competición que foi pensada para reunir aos equipos do norte de Portugal, Galicia e Castela León, converteuse nesta ocasión nun ensaio para o Campionato de España a celebrar na mesma canle dentro dun mes. Coa ausencia dos equipos portugueses, contou sen embargo con varios deportistas vascos e cataláns, que se sumaron ao evento.

Cada deportista fixo un total de catro baixadas, dúas o sábado e dúas o domingo, contando a mellor das dúas de cada xornada. A clasificación final de cada deportista fíxose coa suma dos postos obtidos en cada un dos dous días.

Os teixugos fixeron un papel inmellorable, en C1 sénior home, Brais Castro foi o gañador da proba. En K1 sénior Manuel Ochoa quedou segundo por detrás do vasco Unai Nabaskues do Atlético San Sebastián. En K1 muller sénior Andrea González e Laura Alonso foron segunda e terceira respectivamente, resultando gañadora Carmen Costa do Baix Cinca. Ariadna Pereira gañou en C1 cadete e foi segunda en K1 cadete. Samuel Castro gañou en C1 infantil e quedou terceiro en K1 infantil, nesta mesma categoría Sergio Martínez foi segundo. Por último tamén infantil, pero feminino, Alba Soutelo foi primeira en C1 e segunda en K1.

Na clasificación final por equipos o primeiro posto foi para o Piragüismo Penedo, o segundo para o Deportivo Miño Teixugos e o terceiro para o Tea de Mondariz.

FOTOS: https://goo.gl/photos/Ptr8oV6xRinUXfB48