DOUS TEIXUGOS NOS EQUIPOS NACIONAIS: LUIS FERNÁNDEZ E MANUEL OCHOA SUPERAN OS SELECTIVOS PARA O EQUIPO NACIONAL SÉNIOR E SUB-23 Este é un éxito sen precedentes para o slálom galego, que desde fai un par de anos e capaz de poñerse a nivel de vascos e cataláns

Do 27 ao 29 de abril na localidade de Seu D´Urgell, e do 2 ao 4 e maio, na localidade francesa de Pau, tiveron lugar as probas selectivas para formar parte dos equipos nacionais sénior e sub-23. En cada unha das sedes, cada deportista fixo un total de tres baixadas: unha primeira proba de dúas mangas, na que contaba a mellor e unha segunda proba dunha soa manga. Das catro probas, puntuaban so as tres mellores.

Tres foron os deportistas do Club Deportivo Miño que superaron o filtro de probas para formar parte deste selectivo:  Brais Castro e Luis Fernández, na modalidade de canoa, e Manuel Ochoa, na de kaiak.

Luis Fernández, da localidade de Salceda de Caselas, tivo unha moi boa participación que o leva a acadar a terceira praza do equipo sénior, xunto cos catalás Miquel Travé do Cadí Canoe Kayak, e Dani Marzo do Capitán Nemo. Como membro do equipo español participará no europeo e en dúas Copas do Mundo. Ao ser menor de 23 anos, tamén formará parte do equipo español sub-23, onde acadou a primeira praza, por diante do segoviano David Llorente do Río Eresma, e do ilerdense Jordi Tebé. Este posto dalle dereito a participar no Mundial e no Europeo Júnior-Sub23. Para Luís non é a súa primeira experiencia como membro da Selección Española, xa que dende fai anos é un habitual dos equipos nacionais de C1, primeiro como júnior e máis tarde en sénior e sub23.

O tomiñés Manuel Ochoa, a pesar de facer unhas baixadas rápidas e limpas, non foi quen de entrar no equipo sénior, quedando no posto nove, pero sí no Sub23, no que acadou a terceira praza por detrás do donostiarra Unai Nabaskues, do Atlético San Sebastián, e de David Llorente, do Río Eresma. Este posto válelle para formar parte do equipo nacional no Mundial Júnior-sub23. Está é a primeira vez que un galego, acada un posto na Selección Española na modalidade de K1.

O terceiro teixugo en lograr entrar nos selectivos nacionais foi Brais Castro, pero non foi quen de entrar no equipo, rematando oitavo no selectivo sénior e sexto en sub23.

Este é un éxito sen precedentes para o slálom galego, que desde fai un par de anos e capaz de poñerse a nivel de vascos e cataláns, dominando con comodidade esta espectacular modalidade.

Texto: Rosa Fernández Carrera



X