En marcha a nova avenida de Tomiño que ordenará o crecemento da vila e mellorará a súa conectividade A presidenta Carmela Silva, o deputado Uxío Benítez, a alcaldesa Sandra González e o xefe de Infraestruturas Díez Yáñez soterraron hoxe unha cápsula do tempo que lembrará "un día histórico"

O 9 de agosto de 2018 será lembrado en Tomiño como o día de inicio das obras da nova avenida que rodeará o Seixo, unha infraestrutura que acadou o acordo de tres administracións diferentes (Deputación, Concello e Xunta de Galicia) para retirar o tráfico de paso do núcleo da vila, permitir un desenvolvemento ordenado do municipio e a súa conectividade cunha maior calidade urbana para a veciñanza. Para facer honra á importancia do evento, a presidenta da Deputación Carmela Silva, o deputado Uxío Benítez, a alcaldesa Sandra González, e o xefe territorial de Infraestruturas José Luís Díez Yáñez, protagonizaron un acto oficial para poñer a ‘primeira pedra’ da obra e soterrar no inicio da traza unha cápsula do tempo na que se incluíu documentación sobre o proxecto, xornais do día e moedas de curso legal.
Todos os representantes institucionais concordaron en que a xornada de hoxe foi histórica para o municipio. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, subliñou a “enorme importancia desta obra demandada desde fai moito tempo polos veciños e veciñas de Tomiño, xa que se estaba a xerar un grave problema de conxestión de tránsito de vehículos que había que solucionar canto antes”.

Silva tamén destacou que “este proxecto é unha mostra máis da nova política de mobilidade e seguranza que puxo en marcha esta Deputación dende a nosa chegada ao Goberno”. Na mesma liña sinalou que “a Deputación de Pontevedra estase a converter nunha referencia pola nosa aposta por un urbanismo amable e unha recuperación de espazos públicos para as persoas. Temos moi claro que a seguridade viaria é unha das nosas prioridades”. Rematou afirmando que “unha administración seria, rigorosa, responsable e do século XXI ten que poñer en marcha proxectos coma este”.

Pola súa banda, o deputado Uxío Benítez, responsable do departamento de Mobilidade subliñou que a nova avenida era unha necesidade para o municipio e a comarca, polo que a implicación da administración provincial e da autonómica “está xustificada por interese público”. A nova estrada, lembrou, funcionará como unha rolda ao centro urbano que evitará o paso de 10.000 vehículos polo núcleo, ademais de conectar con equipamentos como o centro de saúde, a residencia asistida, e mesmo o IES de Tomiño, pero tamén enlazará coa futura vía de Alta Capacidade (VAC) Tui-A Guarda, polo que servirá para os desprazamentos entre Portugal e o Baixo Miño e a zona de Vigo.

A lonxitude da vía, apuntou o nacionalista, será de 1.318 metros e a súa sección terá 16 metros de largo medio, dez destinados ao dobre sentido de circulación, e seis a unha senda peonil e ciclista pola marxe esquerda. Segundo Benítez, esta vía é un claro exemplo da política provincial -e municipal- de favorecer os desprazamentos peonís e aumentar a seguranza viaria, ademais da calidade urbana. Neste sentido, o deputado destacou a iluminación da vía, que estará deseñada especificamente para a avenida.

Benítez lembrou que o convenio para facer a obra asinouse en agosto do pasado ano, que permitiu dar os pasos formais para poder chegar ás obras. En canto ao orzamento, segundo dixo o deputado, a execución desta actuacións chega ata os 3.545.623,60 euros, que se repartiron en 2.351.163,26 euros aportados pola Deputación provincial, 261.240,36 euros polo Concello de Tomiño, e 933.219,98 euros pola Xunta de Galicia en concepto de expropiacións, a dividir en diferentes anualidades.

Cambio radical
Pola súa banda, a alcaldesa de Tomiño Sandra González manifestou tamén a súa satisfacción por ver que as obras da avenida son xa unha realidade e o día de hoxe é “especial e emocionante”. Agradeceu a colaboración das tres administracións implicadas, que apostaron por un proxecto estratéxico tendo en conta os intereses da cidadanía e afirmou que a nova vía que rodeará o Seixo suporá un antes e un despois.


Destacou que grazas á nova infraestrutura o crecemento urbanístico do casco urbano será máis ordenado, xa que servirá de eixo ou columna vertebral do municipio. “Non só é unha obra, unha infraestrutura, é un cambio radical.

González sinalou que coa nova estrada “estase a cumprir o soño” de ver un concello de Tomiño “pensado para as persoas” no que se aplican criterios de mobilidade sustentable, segura e inclusiva, destacando a creación da senda para o tránsito peonil e cicilista. “Creamos un espazo público de calidade para que a veciñanza poida vivir e convivir. É un paso máis no traballo que levamos facendo para recuperar Tomiño para as persoas”.

Por outra parte, a alcaldesa quixo agradecer á conselleira Ethel Vázquez a súa aposta pola infraestrutura, ao igual que ao Xefe territorial e ao director da AXI. Tamén agradeceu a Carmela Silva “pola súa intelixancia ao ver proxectos transformadores” e, sobre todo ao deputado Uxío Benítez, de quen dixo “foi o corazón do proxecto e bombeou a enerxía suficiente para que saíse adiante”.

Finalmente, o xefe territorial de Infraestruturas da delegación da Xunta en Pontevedra, José Luís Díez, asegurou que o acto de hoxe puxo de manifiesto que a colaboración entre as tres administracións co fin de incrementar a seguridade viaria e mellorar a circulación no núcleo urbano de Seixo. Destacou que a avenida é unha actuación en consonancia coa planificación de estradas da Xunta de Galicia que pretende sacar os tráficos de longo percorrido do centro das vilas para aliviar as molestias aos veciños ao tempo que se melloran as conexións cos distintos equipamentos públicos. Dende a Xunta contribuímos a esta actuación con case 1 millón de euros, asumindo a responsabilidade de financiar e tramitar as expropiacións necesarias porque o interese público é o que debe mover as accións de goberno e, neste sentido, a variante do Seixo é un gran exemplo.