En marcha os traballos de rexeneración do céspede na Praza do Seixo As obras de mantemento durarán arredor de tres semanas

A Praza do Seixo estará renovada de cara ao Nadal. O Concello de Tomiño comezou esta semana os traballos de mantemento desta zona da vila, cos que se tratará de arranxar os fallos na parte de herba xerados polo desgaste no terreo debido ao seu uso habitual.

Os traballos de rexeneración do céspede consistirán na achega de terra mineral na que se inclúe nova semente para favorecer o nacemento de nova herba e no tránsito controlado na zona para permitir que o inzo arraigue. Por este motivo, a parte de zona verde da praza estará acordoada para evitar que os peóns poidan pisalo durante o tempo que precisa para a súa rexeneración.

As obras de mantemento durarán arredor de tres semanas, polo que se calcula que a praza recuperará a súa actividade normal de cara ao Nadal.