Escolares do CEP Pedro Caselles aprenden nas aulas e no patio a cumprir as normas de seguridade viaria A Anpa do centro solicitou á DGT impartir esta actividade na que colaboraron Policía Local, Garda Civil e Protección Civil

Concienciar aos rapaces e rapazas sobre os riscos aos que se enfrontan na estrada e sobre a necesidade de cumprir as normas para evitar accidentes. Ese é un dos obxectivos do programa de seguridade viaria que se estivo a desenvolver durante toda esta semana no CEP Pedro Caselles Beltrán, unha serie de actividades didácticas impartidas pola DGT en colaboración coa Policía Local de Tomiño, a Garda Civil de Tráfico e voluntarios de Protección Civil para ensinar e concienciar aos máis de 200 estudantes cos que conta o centro.

Trátase dunha actividade proposta e organizada dende a Anpa deste centro educativo para tentar inculcar aos nenos e nenas de entre 6 e 12 anos as normas de tráfico, “xa que moitos aínda non respectan cousas básicas e vese no propio circuíto disposto no patio, sáltanse semáforos, collen as rotondas ao revés…”, explica Viviana Mariño, presidenta da Anpa.

Durante catro días, o alumnado do CEP Pedro Caselles participou por quendas en charlas formativas nas aulas que remataron cos nenos e nenas demostrando todo o aprendido a través de distintos xogos nos que ían intercambiándose para representar os roles de peóns e de condutores nun circuíto recreado no patio do centro. Os axentes foron corrixindo e explicando aos rapaces e rapazas, que se puxeron no papel dos condutores con bicicletas e mesmo con karts, traídos pola Garda Civil de Tráfico para os e as estudantes de 5º e 6º de primaria.

É a primeira vez que a Anpa organiza unha actividade destas características, aínda que esperan poder repetila en vindeiras edicións. Dende a Anpa queren destacar a colaboración tanto da dirección e do profesorado de todo o centro como do Concello de Tomiño para poder levar adiante estas xornadas formativas.