Esta mañá presentouse no Concello de Tomiño a XI edición do Tríatlon da Amizade que terá lugar este domingo. A proba desenvolverase entre o Concello de Tomiño e a Cámara portuguesa de Vila Nova de Cerveira e participarán arredor de 200 atletas.

A presentación da proba tivo lugar hoxe á mañá na Sala de Xuntas do Concello de Tomiño e contou coa presenza de André Silva, representante da Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira; Víctor Costa, Vicepresidente da Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira; Enrique Hidalgo, representante da Federación Galega de Triatlón; Ismael Troncoso, Concelleiro de Deportes do Concello de Tomiño e Sandra González, Alcaldesa do Concello de Tomiño.

A primeira proba sairá dende Goián ás 16:30 e consiste en 150 metros a nado, continuando con 20 quilómetros de proba de bicicleta en Vila Nova de Cerveira, e remata coa carreira de 5 quilómetros que levarán á liña de meta ás persoas participantes.

Entre as novidades deste ano, ofrécese a posibilidade de presentarse por equipos nunha categoría de relevos, onde participarán 2 o 3 persoas competindo cada unha nunha disciplina: nado, bicicleta ou carreira. Deste xeito, o Concello pretende popularizar e facer máis asumible o tríatlon a aquelas persoas que estean pensando en iniciarse neste deporte.

O Concello de Tomiño, quixo agradecer a colaboración da Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, das Federacións Galega e Portuguesa de Triatlón, e por suposto a participación e axuda de ducias de persoas voluntarias que “coa súa impecable labor garanten o éxito da proba”, afirmou Sandra González, Alcaldesa do Concello de Tomiño.

O Triatlon da Amizade é unha proba cunha traxectoria moi recoñecida a nivel europeo e xa consolidada dende hai anos no Concello de Tomiño, crecendo ano a ano en número de persoas participantes e en inversión económica.

Ao tratarse dunha competición deportiva transfronteiriza levada a cabo polos dous países da beira do Miño, converteuse nunha proba moi significativa e remarcable no calendario galego e portugués, fomentando a amizade e a veciñanza entre ambos países á vez que se promove a práctica de deporte ao aire libre.