Este domingo comezan as actividades do Programa “Accesibilidade sen fronteiras” A programación, que arranca o domingo 3, continuará ata o martes 5 entre o Concello de Tomiño e o Concello de Vilanova de Cerveira.

O Orzamento Participativo Transfronteirizo está englobado dentro da Axenda Estratéxica de Cooperación Transfronteiriza “Amizade Cerveira – Tomiño”.

O programa desta primeira actividade estréase baixo o nome “Accesibilidade sen Fronteiras” cunha serie de accións deseñadas para tódalas persoas interesadas en participar, dun xeito inclusivo e sen barreiras.

A andaina deste domingo polo Parque de Lecer do Casteliño ás 11:00 horas da mañá, é o evento inaugural da iniciativa. Trátase dunha andaina adaptada, permitindo o acceso e a participación de toda a xente interesada en acudir, onde se adiantarán algúns detalles da futura ponte peatonal entre os Concellos veciños.

A xornada do luns 4 de setembro contará coa presenza de Sandra González, a Alcaldesa do Concello de Tomiño, e Fernando Nogueira, presidente da Câmara de V.N. Cerveira. Nesta sesión celebraranse dúas ponencias relacionadas coa accesibilidade universal no territorio, e dous obradoiros prácticos de temática integradora.

Rematando a programación prevista, a mañá do martes 5 terá lugar unha actividade deportiva adaptada de remo e slálom no Peirao do Clube de Remo VNC, para a que se espera unha gran afluencia de público.

No comité organizativo de todas estas primeiras actividades atópanse asociacións e entidades tanto do territorio portugués coma do galego, que baixo a súa alianza de cooperación transfronteiriza buscan un desenvolvemento integral da zona por medio da cohesión territorial.

Toda a información e as inscricións están dispoñibles no Facebook da OMIX de Tomiño, https://es-es.facebook.com/omix.tomino/

Programa Accesibilidade sen Fronteiras