26 Out 2017 Este sábado terá lugar no Concello de Tomiño a actuación teatro-musical “Canta connosco!” A función terá lugar no Auditorio de Goián ás 18:00 horas

A programación do Outono Cultural do Concello de Tomiño continúa coas súas actividades e estrea, este vindeiro sábado 28 de outubro, o teatro-musical infantil “Canta connosco!” da compañía Migallas Teatro, en activo dende o ano 1996 e con máis de 1500 representacións ás súas costas.

A actuación rescatará cancións galegas de toda a vida e as combinará coa actividade teatral. Canta connosco! é un espectáculo pensado para toda a familia, xa que a adaptación aos novos ritmos da actualidade fai desta función unha actividade amena e entretida para tódolos públicos.

Os temas tratados neste teatro-musical son, entre outros, o coidado e a responsabilidade coas mascotas, os praceres da lectura e do teatro, o consumismo na compra de xoguetes, etc. As entradas estarán dispoñibles unha hora antes do comezo da función e teñen un custe de 3€, sendo de balde para nenos e nenas.

O Concello de Tomiño espera unha gran afluencia de público tal e como sucedeu coas pasadas actividades do Outono Cultural, que un ano máis está a ser todo un éxito no municipio, e que continuará no mes de novembro con máis música, teatro e exposicións.



X