Éxito do Club Atletismo Trega no campionato provincial escolar de campo a través Xogade O equipo tomiñés regresou da súa participación en Portas con 4 trofeos por equipos, un título provincial e dous bronces individuais

O Atletismo Trega de Tomiño segue a sumar éxitos. A apertada axenda que está a ter o club este mes non impide que colleite trunfos e que volva do campionato provincial escolar de campo a través do programa Xogade da Xunta de Galicia con varios éxitos baixo o brazo. O club volveu da localidade de Portas con catro trofeos por equipos, un título provincial e dous bronces individuais.

Nin o frío nin a choiva conseguiron aplacar as ganas de vitoria dos e das atletas tomiñeses, que saíron airosos dun circuíto lento, pesado e cheo de lama. Nel participaban todas e todos os deportistas clasificados na fase zonal celebrada o pasado mes de novembro en Salceda de Caselas, con especial atención das categorías alevín, infantil e cadete, que se xogaban a clasificación para o Campionato Galego de campo a través Xogade que se celebrará o 17 de febreiro na Pobra do Caramiñal.

Resultados

O equipo benxamín feminino daba o pistoletazo de saída ao evento cunha carreira de 800 metros na que as atletas do Trega acadaban a segunda posición e prata por equipos ao conseguir un total de 58 puntos coa magnífica actuación de Amanda Martínez, Paula Rocha, Mara González, María Rodríguez e Paula Martín.

Podio tamén para os benxamíns masculinos, que acababan en primeira posición por equipos tras unha gran clasificación de Yeray Dacuña, André Álvarez, David Domínguez, Brais Montes, David Martínez e Aarón Dacuña.

Bronce por equipos para as rapazas da categoría alevín. Elisa Morgado, Carmen Magallanes, Mara Romeu, Carla Rocha e Aína Bolea conseguían subir ao podio a pesar de faltarlles unha compañeira, peza fundamental para o equilibrio do equipo.

Ouro tamén para os rapaces da categoría alevín, que conseguían subir ao máis alto do podio tras a gran carreira de Álex Sierpes, que acabou como campión provincial de campo a través 2018 en Pontevedra; Christian Sierpres, bronce na categoría; Marco Martínez, Óscar Eiras e Sergio Morais. Deste xeito, o equipo representará ao Club Atletismo Trega no campionato galego que se desenvolverá na localidade coruñesa da Pobra dentro de dúas semanas.

A última medalla da xornada foi o bronce de Marcela Morgado na categoría infantil feminina.

Felicitacións

O concelleiro de Deportes de Tomiño, Ismael Troncoso, quere manifestar o seu orgullo polo gran papel desempeñado por todos os e as atletas do Trega nesta proba e pola representación que terá o municipio no campionato galego. Os resultados acadados xa dende o inicio de tempada indican “o bo nivel que está a vivir o atletismo tomiñés” e “fannos soñar con todos os éxitos que quedan por diante”.