“Exodus: na procura do refuxio” chega a Tomiño para quedarse até o día 16 de outubro

“Exodus: na procura do re fuxio” é a exposición impulsada pola Deputación de Pontevedra, que dende o 4 até o 16 de outubro de 2016 exhibirase no primeiro andar do Mercado Municipal de Tomiño, de luns a sábado, de 9.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas (excepto mércores pola tarde).

Esta mostra reflicte a mirada dos fotoperiodistas galegos Felipe Carnotto e Adrián Irago. As fotografías, realizadas entre setembro e outubro de 2015, documentan as vivencias dos refuxiados que foxen de distintos conflitos bélicos para chegar a Lesbos e percorrer os Balcáns na procura dun novo fogar en Europa.

Europa enfróntase á peor crise migratoria tras a Segunda Guerra Mundial. Segundo datos de ACNUR, máis dun millón de persoas cruzaron as illas gregas escapando do conflito de 2015. Un 25% eran menores e ao redor de 3.700 persoas faleceron no intento de cruzar o Mar Exeo.

O camiño empeza en Oriente Medio. Foxen por centos de miles desde Siria, Iraq ou Afganistán. Un fluxo constante de humanidade dirixido polo medo, a inseguridade e a falta de oportunidades; a súa desesperación móveos a arriscar as súas vidas e as das súas familias por un futuro en paz.

Fano desde Turquía, cruzando o mar Exeo até as illas gregas en balsas de goma con nulas medidas de seguridade.

En Grecia comeza un duro camiño entre fronteiras. Os refuxiados cruzan Europa cunha idea vaga de alcanzar Alemaña, Suecia ou Noruega. En Gevgelija, ao sur de Macedonia, fronteira con Grecia, eríxese un campo de refuxiados ateigado de almas perdidas. Máis de dous mil persoas ao día deixan a súa pegada nun inhóspito paraxe.



X