Expertos de Irlanda e Escocia visitan esta semana as tráidas veciñais de auga de Tomiño

A actividade, que conta co apoio do Concello, encádrase dentro programa europeo “Life Rural Supplies”, no que participa COXAPO GALICIA (Comunidade Xeral de Augas de Galicia), con sede na parroquia de Estás

 

O vindeiro mércores 8 de xuño, técnicos de Irlanda e Escocia, chegarán a Tomiño para coñecer, in situ, o sistema de traídas de augas de Galicia, co fin compartir experiencias comúns neste eido.

A visita conta coa colaboración do Concello de Tomiño, e encádrase dentro da 4ª Xornada de Abastecemento Rural, do programa europeo Life Rural Supplies (Life12 env/es/000557 “Solucións sostibles para pequenas redes de abastecemento”), no que participa Coxapo Galicia (Comunidade Xeral de Augas de Galicia), con sede na parroquia tomiñesa de Estás e o Concello de Abegondo.

Deste xeito, esta semana, dentro dunha rede sobre abastecementos de auga en diferentes países europeos, un grupo de expertos internacionais visitará traídas de auga do concello de Tomiño, acompañados por técnicos de COXAPO e comunidades de augas locais de Abegondo (municipio que comezou con este proxecto europeo no ano 2013).

 

Programa

O mércores día 8 de Xuño terá lugar a recepción no Concello de Tomiño por parte da alcaldesa e da corporación municipal, e o xoves 9 visitaranse as comunidades de augas de Amorín, Barro, Estás e Tomiño-Forcadela.

“Para o Concello de Tomiño ten grande interese, tanto expoñer as nosas experiencias, pois temos traídas comunitarias pioneiras en xestión e tratamento, coma aprender doutras maneiras de organización e xestión”, explica María Xosé Vázquez.

“Un ben de gran importancia social e ambiental como é a auga debe ter un enfoque prioritario dende as institucións públicas, e neste sentido o Concello de Tomiño quere participar neste e nos proxectos europeos, nacionais e autonómicos que aborden esta cuestión. Os modos tradicionais de autoxestión dos recursos poden e deben manterse, e son compatibles con acadar elevados estándares de calidade sanitaria”, engade a concelleira.

Para pechar as xornadas, o último día está prevista a celebración dunha conferencia na capital de Galicia, na que se tentará contextualizar a situación actual da dotación dos servizos da auga no rural e darase a coñecer a estratexia levada a cabo en Irlanda como posible modelo a seguir.