Expertos analizan en Tomiño as barreiras arquitectónicas e intelectuais existentes nos municipios de Galicia e Portugal A acción forma parte dun dos proxectos incluídos no Orzamento Participativo 2017 Tomiño-Cerveira

“A idea de accesibilidade debe chegar a ser unha idea transversal, no que se traballe desde todas as áreas da sociedade, de forma conxunta. A esta e outras conclusións arribaron os expertos convidados ás “Xornadas Atención para Tod@s”, celebradas hoxe en Tomiño, e organizadas conxuntamente polos municipios de Tomiño e Vila Nova de Cerveira, dentro do Orzamento Participativo Transfronteirizo (OPT) 2017 Cerveira/Tomiño, proxecto “Accesibilidade Sen Fronteiras”.

Presentada polos alcaldes de Tomiño e Cerveira, Sandra González e Fernando Nogueira, a primeira das conferencias, “Accesibilidade Universal; accesibilidade para todas as persoas”, tivo coma obxectivo impulsar a reflexión e o debate en torno á accesibilidade, estando a cargo de Jacinto Lareo, profesor da Universidade de Vigo e presidente da Fundación Sálvora, e de María José Santos, mestra de educación especial.

Os poñentes, aseguraron que estas accións transfronteirizas, pioneiras en España e Portugal, implican un traballo conxunto entre todos os ámbitos públicos e privados, coma a administración, a sanidade, a universidade, o urbanismo e as persoas con e sen discapacidade. Recomendaron vontade e sentido común para ir facendo pequenos avances, non sempre custosos a nivel económico. “Deberíamos pensar na accesibilidade coma nun concepto normal; previr, e non ter que actuar so cando xurde un problema” sinalou María José Santos. Asemade, referiuse a importancia de avanzar na “lectura rápida”, creando materiais adaptados para nenos e persoas adultas, así coma pictogramas, que permitan unha interpretación máis rápida e fácil de lugares e servizos; redes de traballo, etc.

Jacinto Lareo, pola súa banda, distinguiu entre espazos adaptados, practicables e convertibles, dando exemplos coma os dos xulgados e Concello de Vigo que, segundo o profesional, non está ben adaptados.

A segunda e última conferencia, estivo a cargo da recoñecida enxeñeira lusa especializada en urbanismo e accesibilidade, Paula Teles, autora do libro “Cidades sen Fronteiras, Cidades sen Barreiras – Como Deseñar Territorios Accesíbeis”, un traballo no que aborda o tema da Rede de Cidades e Vilas de Excelência. A experta salientou a importancia de traballar interdisciplinariamente nun tema tan importante coma a accesibilidade. “Temos que traballar para crear cidades para persoas diferentes; xa que todos temos dereito a vivir con dignidade e liberdade; de alí que os que deseñan hoxe edificios e espazos públicos, teñan unha gran responsabilidade”, sinalou.

Teles comentou que Portugal estaba, en termos xerais, máis atrasado que España, pero nos últimos 20 anos, traballouse intensamente, de modo que na actualidade o Estado dedica máis de 17 millóns de euros so para o estudo e a investigación sobre o tema. Referiuse tamén ao “Programa Rampa”, no que están integrados xa 120 dos 300 municipios portugueses.

 

Seguidamente, leváronse a cabo dous obradoiros: “Deficiencia Visual e Atención” e “Ponte no meu Lugar”, coa colaboración de varias asociacións de persoas con discapacidade da zona, que incluíu un paseo en cadeiras de rodas polas rúas céntricas de Tomiño, e no que participaron persoas con e sen discapacidade.

O programa remata mañá, 5 de setembro, cunha actividade deportiva inclusiva de Remo e Slálom, no peirao do Club de Remo de Vila Nova de Cerveira, ás 10h00 (hora portuguesa).