A Fundación Amigos de Galicia absorbe BANTA (Banco de Tapóns do Baixo Miño) Valoraranse os casos dos nenos que foron atendidos por Banta, para asumir os seus tratamentos a través de campañas de recollida de tapóns

  • A Fundación Amigos de Galicia, que recibiu as dúas furgonetas que empregaba Banta para as recollidas de tapóns, anima a todos os puntos de recollida de Banta a porse en contacto para continuar colaborando coa recollida de tapóns solidarios

O Banco de Tapóns de Baixo Miño (Banta) anunciaba hai uns meses o seu peche definitivo. Por iso, tras varios encontros entre responsables de ambas as entidades, Fundación Amigos de Galicia xa pode anunciar que absorbe a entidade do Baixo Miño para continuar traballando coa recollida de tapóns solidarios.

Esta absorción sélase coa firma do convenio entre ambas as entidades, polo cal Banco de Tapóns do Baixo Miño pasará a estar integrado en Fundación Amigos de Galicia cos mesmo fins en canto a custear os tratamentos /terapias para nenos/as galegos/as con distintas problemáticas médicas a través da recollida de tapóns de plástico.

Desta forma, Fundación Amigos de Galicia farase cargo de recoller os tapóns dos puntos de recollida que anteriormente pertencían a Banta, destinando a recadación dos mesmos ás campañas levadas a cabo por Fundación Amigos de Galicia para
pagar tratamentos e terapias de nenos/as galegos/as cuxas familias non poden custear a actividade que Fundación Amigos de Galicia vén realizando desde o ano 2012.

Para este fin, Banta pasará a Fundación Amigos de Galicia os puntos de recollida que ata o momento xestionaban, pero de igual forma desde Fundación Amigos de Galicia anímase a todos os puntos a porse en contacto coa Fundación para continuar colaborando coa recollida de tapóns solidarios.

Ademais dos puntos de recollida, desde o Dpto. de Traballo Social de Fundación Amigos de Galicia, tamén se están valorando os casos dos nenos que foron atendidos por Banta, para asumir os seus tratamentos a través de campañas de recollida de tapóns organizadas pola fundación. E é que a través desta absorción Fundación Amigos de Galicia, atenderá as peticións dos/as nenos/as do Baixo Miño; do mesmo xeito que fixo Banta, contando sempre con informes sociais dos concellos e informes médicos.

Desde a Fundación Amigos de Galicia queremos resaltar o gran labor realizado ata o seu peche de todos os voluntarios que formaban parte de Banta, encabezados polo seu presidente Carlos Balea: Mónica, Mari Carmen, Anxo, Pili, Vanesa, Toñi, Marcos, Lupe Álex, Vanesa, Brais, Anxo, Lorena, Juan, Santos, Carmen , Ismael, Ade, Patri, Evaristo, Meca, Berto e o club vesdespacio Miño. Desde a entidade estamos convencidos que todos eles continuarán desenvolvendo o magnífico traballo que realizaron ata o momento.

Como parte desta absorción, BANTA entregou hoxe a Fundación Amigos de Galicia, os vehículos que empregaban para a recollida de tapóns, que serán empregados a partir de agora cos mesmos fins. Banta tamén cedeu á entidade o uso do baixo situado en Tomiño que empregaban para a almacenaxe, filtrado e selección de tapóns.

Asemade, queremos agradecer tamén ao Concello de Tomiño o apoio prestado ata o momento, e a súa disposición a seguir colaborando nestas causas, e agardamos unha boa acollida por parte dos puntos de recollida, dos voluntarios e da cidadanía en xeral; así como que a través desta absorción as campañas levadas a cabo consigan desenvolverse con máis rapidez. Desde a entidade tamén queremos recalcar o importante labor que realizaron desde Banta estes anos.

Carlos Balea quixo recalcar que a fusión entre ambas as entidades non se produciu antes por un problema de falta de pagamento da primeira recicladora con Banta, o que levou a problemas na liquidación da asociación. Quixo recalcar ademais que parte da liquidación da mesma foi destinada a outras entidades sociais.

Campaña de tapóns actual levada a cabo por Fundación Amigos de Galicia

A campaña actual que leva a cabo Fundación Amigos de Galicia vai dirixida aos superheroes.

Fundación Amigos de Galicia emprende unha campaña en colaboración con Amencer- Aspace (Pontevedra) para prover ao centro da devandita entidade en Pontevedra dun Programa Spidersuit – de face a poder proporcionar aos menores do centro e aos nenos e nenas derivados por Fundación Amigos de Galicia dun programa personalizado de fortalecemento intensivo e personalizado para menores con trastornos neuro- motores.
Deste xeito, coa adquisición deste programa por parte de Fundación Amigos de Galicia a través dunha campaña de tapóns solidarios, Amencer-Aspace atenderá as demandas dos menores derivados por Fundación Amigos de Galicia que necesitan este tratamento, previa valoración do persoal técnico da entidade, sen ningún custo para os/as usuarios/as nin para a entidade.

Pola súa banda, Amencer-Aspace poderá proporcionar aos menores atendidos no centro deste servizo sen que teñan que desprazarse a outras cidades.
O programa Spidersuit, está previsto de cinco traxes distintos – con cinco tallas para garantir o acceso a todos os menores- poleas e o sistema de Unidade de Exercicios Universal; e ten un custo de 12.537,67 euros, que serán custeados por Fundación Amigos de Galicia mediante campaña de recollida de tapóns de plástico.

Para iso, será necesario recadar a cantidade de 47.782.453 unidades de tapóns de plástico. Trátase da campaña máis custosa que levou Fundación Amigos de Galicia ata o momento.

Máis información en: https://www.fundacionamigosdegalicia.org/campa%C3%B1as/tap%C3%B3ns/traxes- de-superheroes/

Campañas de tapóns levadas a cabo por Fundación Amigos de Galicia

Son moitos os nenos e nenas galegas que con distintas problemáticas desde o seu nacemento ou no seu desenvolvemento necesitan unha atención diaria para mellorar a súa saúde e poder desenvolverse na súa contorna. Nos últimos anos, a Fundación Amigos de Galicia e Banta levaron a cabo diferentes campañas de recollida de tapóns solidarios para pagar terapias destes nenos que ou ben non teñen cubertas estas terapias pola Seguridade Social ou non coa frecuencia coas que as necesitan.

Fundación Amigos de Galicia financiou no ano 2017 tratamentos de nenos galegos por valor de 17.485 euros.

A entidade conta ademais con máis de trescentos puntos de recollida de tapóns por toda Galicia que se poden descargar desde a páxina web:

https://www.fundacionamigosdegalicia.org/campa%C3%B1as/tap%C3%B3ns/