Os actos, organizados pola Oficina da Igualdade con motivo do Día da Muller, continúan o sábado coa proxección da película “Sicixia”, de Ignacio Vilar

 

Tomiño, 16 de marzo de 2017.- Seguindo coas actividades programadas dende a Oficina de Igualdade do Concello de Tomiño, coa colaboración da Deputación de Pontevedra, e con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, este venres, 17 de marzo, ás 20.30h, a xornalista e escritora Montse Fajardo, presentará no primeiro andar do Mercado Municipal, os seus libros “Un cesto de mazás” e “Matriarcas”.

 

Intervirán na presentación das obras a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, Xosé Lois Vilar, do Instituto de Estudos Miñoranos; Luis Bará, autor de “Non des a esquecemento”, e a propia Montse Fajardo, escritora e xornalista.

Segundo as palabras da autora “Un cesto de mazás é unha homenaxe imprescindibel ás vítimas silenciadas da nosa recente historia”. Trátase dun texto adicado á memoria das vítimas do 36 e dos anos posteriores.

Durante o acto, presentarase tamén o vídeo “O faiado da memoria”.

 

Por outra banda e continuando co programa de actos organizados por Igualdade, o sábado 18 de marzo, tamén ás 20.30h, no Auditorio de Goián, proxectarase a película “Sicixia”, do director Ignacio Vilar, director da exitosa “A Esmorga”.

A sonoridade do mar, da terra e da xente da Costa da Morte protagoniza a película, un diálogo entre a ficción e o documental.
A programación continúa na próxima semana con actividades e obradoiros dirixidos ao alumnado de primaria e secundaria do municipio.