O Centro Goianés acolle este venres a presentación do libro “Conflitos Bélicos na Raia do Baixo Miño”, de Xoán R. Carnero “Perico”

  • O texto relata o transcurso do enfrontamento armado entre España e Portugal durante a Guerra da Restauración

Este venres, 21 de outubro, ás 20.00 horas, o Centro Goianés (Goián-Tomiño), acollerá a presentación do libro “Conflitos bélicos na Raia do Baixo Miño. 1640-1668”, de Xoán R. Carnero Fernández “Perico”, editado polo Concello de Tomiño.

A publicación, de carácter histórico, foi presentada oficialmente no mes de agosto, no Centro Social de Estás, dentro do programa da Semana da Peregrina.

O texto, que relata o transcurso do enfrontamento armado entre España e Portugal na comarca, é un traballo cimentado na pesquisa en diferentes arquivos europeos e na que o autor investiu de xeito vocacional, moitos anos da súa vida.

Trátase dunha investigación exhaustiva e reveladora, con mapas e croques explicativos, na que se aborda con moita rigorosidade a guerra da Restauración na zona baixomiñota, ao longo de case 300 páxinas.

A presentación do vindeiro venres está organizada pola Comisión Antonio Fernández e o Concello de Tomiño.