O Concello de Tomiño leva a cabo importantes melloras no mercado municipal

  • A intervención, realizada dentro do plan “Tomiño, á procura da excelencia”, consistiu en tarefas de mellora acústica e da imaxe corporativa do mercado; creación dunha zona de lavado e amoblamento no andar superior, e a subministración de varias máquinas

 

A Consellería de Economía, Emprego e Industria concedeu ao Concello de Tomiño unha subvención para realizar varias melloras no Mercado Municipal, dentro do plan “Tomiño, á procura da excelencia”.

O importe da subvención ascende a 38.675,71 euros, aos que o Concello sumou outros 16.238,80, de fondos propios, para poder afrontar as obras e subministros, que tiveron un custe total de máis de 55.200 euros.

A intervención consistiu, concretamente, en tarefas de mellora acústica e da imaxe corporativa do mercado; creación dunha zona de lavado e amoblamento no andar superior; subministración dunha cámara comunitaria para froitas e dunha máquina para fregado, secado e abrillantado do chan; instalación dun sistema colga cadros en carril con movemento flexible, etc.

O mercado municipal, que fora obxecto dunha profunda reforma hai un par de anos, conta agora con máis servizos que ofrecer aos seus praceiros e aos clientes, que contan cunha oferta diferenciada e de calidade.