ROMARÍA LANZO DA CRUZ

Lanzo da Cruz-4

Unha antiga tradición anterior á Semana Santa, que ten por escenario a freguesía de Cristelo-Covo, na ribeira portuguesa, e a veciña parroquia tomiñesa de Sobrada na parte galega (barrio de Torrón, no antigo Porto Ladróns) é a coñecida coma Romaría do Lanzo da Cruz.

Esta é unha celebración popular na que participan ao mesmo tempo xente de ambas as dúas marxes miñotas. Unha vella tradición conservada polos pescadores do Miño e da que descoñecemos as súas orixes.

Esta tradicional romaría luso-galaica ten lugar o luns inmediato ao fin de semana da Pascua. No serán, despois da visita pascual, na freguesía de Cristelo-Côvo (Valença), o párroco, cunha cruz ornamentada, e a bordo dunha pequena embarcación, diríxese até á marxe española, onde dá a cruz a bicar aos parroquiáns da outra marxe. Mentres, son lanzadas polos pescadores as redes bendicidas ao río. Todo o peixe que sae na rede é para o párroco. Logo, o párroco portugués regresa no barco acompañado polo párroco da parroquia galega de Sobrada (Torrón), dando a cruz a bicar aos parroquiáns lusos, que agardan xunto ao río, na marxe portuguesa. Varias barcas portuguesas e galegas acompañan esta pelegrinaxe pascual nas augas do Miño. Até á noite os sons das gaitas mestúranse cos das concertinas, os bombos e tambores nunha auténtica romaría galaico-minhota.

A tradición do Lanzo da Cruz é unha manifestación relixiosa e popular moi arraigada polas poboacións da raia miñota que, ano tras ano, atrae a un maior número de persoas.

Web Asociación Lanzo da Cruz

 

Imaxes cedidas por Asociación Lanzo da Cruz