GASTRONOMÍA E CULTURA DO VIÑO

A gastronomía de toda a comarca en xeral vén marcada pola excelente calidade da materia prima. A proximidade do mar e do río fan que o peixe e o marisco sexan os produtos estrela da zona.

O Miño é un dos ríos galegos cunha maior riqueza piscícola e bríndanos cobizadas especies de tempada, coma as anguías, a solla ou a lamprea, que ten neste río o seu principal hábitat en Galicia. Este apreciado peixe foi abundante en moitos ríos galegos, pero na actualidade a súa presenza redúcese practicamente ao río Miño, e ten un importante peso na cultura gastronómica da zona.

Concello Tomiño - cultura del vino
A proximidade do porto da Guarda, cunha importante frota pesqueira e lonxa propia, tamén achega ás nosas mesas produtos do mar de primeirísima calidade.

Non podemos esquecer os produtos da horta, que aquí adquiren un significado especial polo peso que o labor da agricultura ten na economía do Concello. O excepcional microclima do Baixo Miño, e de xeito especial Tomiño, ao abrigo da influencia marítima e con elevadas temperaturas estivais, eleva a calidade destes produtos.

É habitual que sexan explotacións de pequeno ou medio tamaño, que non empregan métodos de agricultura extensiva, o que lle confire unha maior calidade ao produto. Destacamos aquí o cultivo do kiwi e tamén do mirabel, un tipo de ameixa procedente da Europa Meridional, que é protagonista de moitas sobremesas e que se adoita empregar na elaboración de caldo de azucre.

Outro doce típico da zona é a rosca tomiñesa, protagonista incluso dunha festa gastronómica na súa honra, que ten lugar en Tomiño a últimos de novembro.

Engadimos tamén pola súa singularidade o licor de Cilantro, unha herba aromática moi apreciada, e que comezou a destilarse artesanalmente en Goián, onde hoxe en día unha empresa local produce coas técnicas artesanais este licor e outros de café, mirabeis…

 

O viño Rías Baixas

A denominación de orixe Rías Baixas fai referencia e delimita xeograficamente a rexión onde se cultiva a mítica uva albariño. Os únicos produtores deste viño son as cinco subzonas que se comprenden dentro desta denominación, cada unha delas cunhas características propias e que dende 1988 están integrados na Denominación de Orixe Rías Baixas. Estas subzonas son: o val do Salnés, O Rosal Baixo-Miño, Condado do Tea, Soutomaior e o Val do Ulla.

No Baixo Miño prodúcense dúas variedades de viño: o albariño, elaborado de xeito monovarietal, con uva do mesmo nome, de aroma afroitado e envolvente. E o rosal, obtido da mestura de uvas albariñas, loureira e caíño branco, que achega unha gran personalidade.

A cultura do viño nesta comarca vén de tempos moi antigos e, aínda que xa temos referencias da época romana, parece que foron os monxes do mosteiro de Oia quen estenderon o cultivo da vide por estas terras.

Esta é a zona máis cálida das da Denominación de Orixe Rías Baixas e nela cultívanse as vides en terrazas fluviais. As altas temperaturas da zona propician unha excelente maduración da uva, o que lle confire ao viño un elevado contido en azucres e unha acidez menor que noutras zonas situadas máis ao norte.

As maiores extensións destes viñedos atópanse en Tomiño e no Rosal, trazando un fermoso percorrido que forma parte da Ruta do Viño Rías Baixas, que combina paisaxe, arte e gastronomía.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA