O NOSO CONCELLO

O río Miño

O Baixo Miño, no que se atopa o noso concello, acolle un dos ecosistemas máis ricos e variados de Galicia, que ademais posúe algúns endemismos de flora e fauna que o converten nun espazo ambiental único.

Dende o ano 2004 está integrado dentro da rede de espazos naturais protexidos da Unión Europea, Rede Natura 2000, como Zona de Especial Conservación dos Valores Naturais. Ademais, o esteiro do Miño está baixo o amparo da catalogación de ZEPA, Zona Especial de Protección para as Aves.

Unha das características que marca este territorio é o discorrer do último treito do río Miño formando un amplo esteiro, refuxio de numerosas especies de aves e cunha rica biodiversidade.

A outra gran unidade paisaxística de relevancia son as elevacións naturais que circundan o concello, as Serras de Argallo e da Groba, así como a prolongación da Serra do Galiñeiro.

Nas ribeiras do río fórmanse de xeito natural, pola propia sedimentación que arrastra o río, praias fluviais que lle outorgan un valor engadido a esta paisaxe. Algunhas das que se atopan nos límites do concello están acondicionadas para o baño, como a de Goián, que conta ademais cun amplo espazo de recreo, ou a de Carregal.

Atopamos numerosos peixes continentais autóctonos e varias especies ameazadas e endémicas, como a lamprea, o salmón, que encontra aquí o seu límite meridional de distribución en Europa, a troita ou a anguía.

Concello Tomiño-rio Miño

Concello Tomiño Río Miño

O petroglifos do Monte Tetón

O monte Tetón, situado na parroquia tomiñesa de Tebra, ten un dos conxuntos de arte rupestre máis importantes de Europa, con gravados de hai uns 4000 anos.

O Concello de Tomiño, en colaboración coa Comunidade de Montes de Sta. Mª Tebra, estivo a traballar no acondicionamento e sinalización do xacemento arqueolóxico. Deste xeito, creouse un lugar de uso público que integra un parque forestal, dous miradoiros paisaxísticos e unha ruta cultural, denominada Ecoparque Arqueolóxico Monte Tetón.

O repertorio iconográfico desta estación rupestre abrangue todo tipo de motivos, como coviñas, formas cuadrangulares, figuras humanas e animais, pero o que máis chama a atención é a impresionante combinación de círculos concéntricos, as máis grandes de Europa atopadas ata o momento.

O Concello organiza visitas guiadas para os colexios e público en xeral.

 

concello_tomino_monteteton2 concello_tomino_monteteton3 concello_tomino_monteteton6

Áreas de lecer

  • O Campo da Feira. É un Parque situado no núcleo do Seixo, que acolle unha fermosa alameda, espazos de recreo e xogos infantís.
  • Área de lecer do Monte Tetón. Espazo dentro do parque con zona de merendeiro e xogos tradicionais como un campo de birlos.
  • Praia Fluvial de Goián. Praia acondicionada para o baño, con embarcadoiro para pequenas embarcacións e área de xogos infantís.
  • Río da Pedra. No Barrio da Pedra, atópase este espazo natural, aproveitado como área de lecer.

Concello Tomiño - Río da Pedra

Fortificacións

As Fortificacións de fronteira no Baixo Miño

O treito do río Miño entre Crecente e Camposancos constitúe a chamada Raia Húmida, polo seu carácter de fronteira natural. Estas terras foron ao longo da historia, escenario de numerosos intercambios e enfrontamentos.

Aquí están algunhas das máis fermosas fortalezas galegas da Época Moderna, froito do período relativo á Guerra de Restauración Portuguesa (1640-1668), que xorde como consecuencia da anexión do reino portugués por parte do monarca español Felipe II, no 1580.

As fortificacións, que irán xurdindo ao longo da Raia, non se poden entender dun xeito illado, senón como parte de distintos sistemas defensivos. En Tomiño hanse construír varios fortes, que eran parte de dous sistema distintos: por unha banda, o sistema Amorín-San Luís Gonzaga e, por outra banda, o de Goián-Vilanova de Cerveira-Estás

San Lourenzo de Goián

Este forte foi construído polos españois enriba do primitivo Forte da Barca, para substituír o complexo defensivo portugués que defendía a zona de Goián e co obxectivo de reforzar a zona de cara a un posible novo conflito con Portugal. Aínda que é de pequenas dimensións, presenta unha das plantas máis interesantes de todo o conxunto galego, pola súa perfección e simetría.

Feito en pedra, ten forma case cadrada, con baluartes nos ángulos e tres medias lúas defensivas, adquirindo así a planta unha forma estrelada e rodeada por un foso. É o mellor conservado de todo o conxunto de fortalezas.

Todas teñen a declaración de BIC, Ben de Interese Cultural.

O Concello de Tomiño recuperou para uso público parte do entorno. O pasado 22 de xuño abriuse ao público o “Espazo Fortaleza”. É un dos lugares máis concorridos da comarca e non é de estrañar; a praia fluvial na que se pode pasar un bo día de verán, as terrazas dende as que contemplar o río Miño, a antiga fortaleza, as áreas de lecer. Sen dúbida, un lugar para redescubrir cada primavera e verán.

concello_tomino-forte-san-lourenzo

Igrexas

Tomiño ten moitas igrexas e pequenas capelas de gran calidade artística e en bo estado de conservación. Entre elas, é de salientar as que posúen raíces románicas ou aquelas que adquiren un maior protagonismo relixioso polas celebracións que acollen.

Igrexa de Santa María de Tomiño

Esta igrexa parroquial de estilo románico formou parte na súa orixe dun mosteiro beneditino feminino do século XII. Aínda conserva moitos elementos arquitectónicos desta época, que fan desta igrexa a construción máis representativa do románico no concello.

O elemento de maior calidade artística é a portada principal, con catro pares de columnas baixo arquivoltas e unha historiada decoración vexetal. O tímpano é semicircular e non presenta ornamentación ningunha.

No seu interior contén un interesante arco triunfal de medio punto e uns capiteis historiados.

Igrexa de San Vicente de Barrantes

Esta igrexa pertenceu a un antigo mosteiro beneditino que, segundo unha inscrición no seu muro norte, foi construído arredor do 1139. O mosteiro foi disolto no século XV, e da época románica conserva a ábsida e gran parte dos muros laterais.

Na mesma parroquia atópase outra igrexa de orixe románica, a de Santo André, pero esta conserva moitos menos elementos orixinais que a de San Vicente.

Igrexas de Santa María e San Salvador de Tebra

A igrexa parroquial de Santa María ten a súa orixe no século XII e pertenceu á Encomenda da Orde de Malta.

Da súa factura románica consérvanse a ábsida pentagonal e gran parte dos beirís, que se atopan decorados con canzorros historiados de temática variada.

Dentro atópase o sepulcro de D. Álvaro Suárez de Deza e Soutomaior, señor do castelo de Tebra, con estatua xacente e capela presidida polas armas da súa liñaxe.

A igrexa de San Salvador tan só conserva do estilo románico os muros da nave e a súa ábsida rectangular. No conxunto destaca a variada mostra de modillóns que percorren os distintos beirís, decorados con cabezas de animáis, monstros, bolas…

Igrexa parroquial de Figueiró «San Campio de Lonxe»

Este santuario é escenario dunha tradicional romaría que venera ao soldado romano “San Campio”, protector dos soldados e intermediario na curación de diversas enfermidades, segundo a tradición popular.

Erixiuse no ano 1804 sobre unha antiga capela na honra de San Antonio de Padua, para dar cabida aos romeiros que acudían todos os anos a venerar ao santo.

O santuario complétase cunha ampla zona de lecer con parque, 2.500 m2 para acampada, comedor e refuxio de peregrinos con cuartos e cociñas para 150 persoas.

concello Tomiño - Igrexas

Igrexas no concello de Tomiño

Igrexas no concello de Tomiño

concello de Tomiño

As casas indianas

Por un lado, achegaron unha innovadora visión da casa que nada tiña que ver coa edificación típica galega, con vivendas abertas á luminosidade e á ventilación, e numerosas melloras no que se refire á distribución do espazo e a hixiene. Por outro, a través destas edificacións introduciuse en Galicia a arquitectura modernista.

Pero a característica común a todas as casas indianas do Baixo Miño, é o predominio da pedra de granito na súa construcción.

As escolas indianas

Estas escolas, promovidas polos emigrantes, son unha mostra da súa solidariedade e do seu compromiso coa súa terra. O obxectivo era paliar as carencias da educación no seu lugar de orixe.

Tanto os seus programas de ensino, como as dotacións materiais, eran completamente novas para a época, unha auténtica fiestra á modernidade, nun contexto cun sistema escolar público completamente atrasado e afastado da realidade.

Eran na súa maioría escolas gratuítas, laicas e con programas de estudos modernos. Este municipio é un dos concellos galegos cunha maior concentración destas escolas. Destacan as de “Aurora del Porvenir” e “Unión del Porvenir”, aínda que tamén hai que nomear a Escola Fundación Peirópolis (psrroquia de Estás); Escola de Cristelos (parroquia de Barrantes) e Escola Hispano-americana Goianesa (parroquia de Goián).

Escola Aurora del Porvenir

Situada na parroquia de Sta. M.ª de Tomiño, foi fundada pola asociación de tomiñeses residentes en Río de Xaneiro, “Aurora del Porvenir Pro-Instrucción”, en 1912, e é unha das “escolas de americanos” máis emblemáticas de toda Galicia polo que significou na súa loita pola democratización e emancipación política.

Na actualidade, atópase alí unha das aulas do Colexio Rural Agrupado para nenos e nenas de 3 a 5 anos.

Escola Unión del Porvenir

Sitúase á beira da estrada PO-350 que une Hospital con Areas (Tui), nos límites da parroquia de Taborda e Piñeiro.

Foi promovida pola sociedade de emigrantes tomiñeses establecidos en Nova York no ano 1918, “Unión del Porvenir para Instrucción, Protección y Recreo”, co fin de promover a formación dos escolares e lugar de recreo para asociados.

O Concello de Tomiño fixo un importante investimento para reformar e ampliar  esta antiga escola, dotándoa de sala de usos múltiples (para uso das asociacións veciñais e culturais das parroquias de Taborda e Piñeiro), sala de ordenadores, almacén, cafetería, oficina, ascensor.

concello Tomiño - arquitectura indiana

concello Tomiño - arquitectura indiana

turismo Concello de Tomiño

GUÍA TURÍSTICA TOMIÑO (6 Mb) [VER]