PATRIMONIO INMATERIAL

AS TREBOADAS

Tomiño é unha terra especial, non so polos seus recursos naturais e pasaxísticos, senón tamén polo seu rico patrimonio cultural e inmaterial.

Claro exemplo desa riqueza o constitúen as “treboadas”, unhas das manifestacións culturais, musicais e etnográficas máis características do concello.

Trátase dunha agrupación instrumental caracterizada por un instrumento: o bombo de mallada. Antigamente estaban compostas por un gaiteiro acompañado dun tambor e dous destes bombos, pero co descorrer do século XX, o número de bombos incrementouse notablemente; o tambor foi substituído pola caixa e, nalgúns casos, dous gaiteiros forman parte tamén da treboada.

O libro “Treboada Galega”, escrito polo investigador Xerardo F. Santomé, foi motivo dunha homenaxe por parte do Concello de Tomiño. A publicación ten moito valor porque rescata as orixes e a evolución das treboadas no Baixo Miño, salientando o papel dos músicos fundamentais, coma o caso do Cesteiro, o Moreira ou o Caixeiro.

Na actualidade existen catro treboadas tomiñesas: Treboada Os da Fonte do Frade (Goián), Treboada Baixo Miño [ver ficha], Treboeiros da Moimenta (Sobrada) [ver ficha] e Treboada de Pinzás, que en momentos puntuais se reuniron para tocar xuntas pezas memorables, coma “A Primeira” ou a “Danza da Peregrina”.

Foto portada libro homenaxe Treboadas