Vinte voluntarios participan nun proxecto europeo de “ecofeminismo” promovido polo Concello de Tomiño

Na actividade, enmarcada no programa “Erasmus +”, participan cinco mozos/as de Estonia, cinco de Polonia e dez españois

Vinte mozos e mozas europeos participan no “Youth Exchange MaiGaia (proxecto europeo de ecofeminismo)”, dentro da iniciativa “Mobilidade das persoas por motivos de aprendizaxe”, do programa Erasmus +.

O Concello de Tomiño é o promotor do encontro, no que participan cinco voluntarios de Estonia, outros cinco de Polonia e dez de España.

O obxectivo xeral do proxecto, que se estenderá ata o día 6 de xullo próximo, é “favorecer o entendemento entre os mozos/as de diferentes países, aunando esforzos ante a loita contra a opresión á muller e a explotación ambiental”.

O programa inclúe charlas-taller sobre ecofeminismo, reciclaxe de envases, recollida de lixo en piragua, horta urbana, visitas a produtoras de agricultura ecolóxica, Monte Tetón, Centro San Xerome redeiras da Guarda, e preparación dunha peza teatral relacionada co movemento ecofeminista.

Asemade, entre as actividades programadas está a realización dun Lip-dub coas cantantes Pussy Riot coma protagonistas e unha performance contra a explotación dos recursos naturais (presentada hoxe aproveitando a afluencia de xente ao mercado municipal).

O Concello de Tomiño , a través da OMIX (Oficina Municipal de Información Xuvenil) é entidade de recollida e envío de voluntariado europeo e leva participado en diferentes proxectos deste tipo dende hai varios anos.