Goián celebra o seu tradicional Entroido con desfile, carreira de carretillas, sopa e verbena Conta cada ano cunha grande afluencia de participantes e espectadores

Goián xa está a prepararse para celebrar o seu tradicional Entroido do 10 ao 14 de febreiro cunha programación que un ano máis terá desfile, carreira de carretillas, verbenas e sopa como protagonistas principais. Organizada pola Asociación de Entroido de Goián en colaboración co Concello de Tomiño, a Deputación de Pontevedra e a Comunidade de Montes de Goián, cada ano este evento reúne a unha grande afluencia tanto de participantes como de público, que se achega ata a zona para desfrutar duns días de música, troula e disfraces.

A festa comezará o sábado 10 de febreiro ás 09.30 horas cos veciños e veciñas da zona acompañando á banda de gaiteiros percorrendo as rúas da parroquia para ‘facer a pedida’ e recoller algunhas das cousas que se empregarán ao longo dos cinco días de celebración.

O domingo chegan algúns dos pratos fortes do Entroido goianés: pola mañá, ás 12.00 horas, desfile de disfraces cos nenos e nenas pola zona, e pola tarde música con O Trebón dos Xibos e, a partir das 17.00 horas, a VIII Carreira de Carretillas, que rematará con premios á carretilla mellor tuneada ou aos condutores mellor disfrazados, entre outros. Xa pola noite, ás 22.30 horas, chega o tempo da verbena cos grupos América e Jacobeo e, ás 01.00 horas, reparto de premios aos mellores disfraces.

O día 12 a parroquia retoma o Entroido coa verbena nocturna a cargo de Jerusalén e Aramio. O martes 13 de febreiro Goián volve a ter outro dos pratos fortes do Entroido: o tradicional desfile de carrozas e comparsas pola Avenida Ordóñez, que cada ano reúne a centos de persoas para desfrutar dunha tarde de música e risas. Ao remate do desfile, a organización repartirá sopa entre todos os asistentes, tanto participantes como público. Pola noite, ás 21.00 horas, haberá de novo verbena amenizada por Nevada Band.

A celebración do Entroido rematará o mércores 14 co tradicional Enterro da Taíña, con pasarrúas e fogos artificiais. Ademais, durante toda a semana o público poderá gozar da música da treboada Baixo Miño e o torreiro do festexo estará cuberto baixo unha gran carpa para facer fronte ao posible mal tempo.