Canceladas as charlas de Ianire Estébanez, psicóloga vasca especializada en prevención de violencia na adolescencia Tiña previsto dar este xoves 25 varios relatorios ao alumnado do IES de Tomiño e charlas para profesores e ANPAS

Por motivos de saúde de Ianire Estébanez vémonos na obriga de suspender as actividades que esta psicoterapeuta e psicóloga vasca tiña previsto realizar ao longo de este xoves 25 de outubro. Especializada en prevención de violencia na adolescencia, agresións sexuais, relacións e uso das redes sociais pola xente nova, Estébanez ía dar varias charlas a alumnado, profesorado e nais e pais de alumnos/as do IES Antón Alonso Ríos, de Tomiño.
O Concello de Tomiño pide desculpas polas molestias ocasionadas e agarda ter a visita da psicóloga en breve, nunha data que será comunicada oportunamente.
Actividades previstas
A actividade, organizada pola Oficina Municipal de Igualdade e financiada pola Deputación de Pontevedra, prevía celebrar as seguintes charlas:
– Para alumnado do IES Antón Alonso Ríos, na Casa de Cultura, os relatorios “Conectamos ben?”, sobre o ciberacoso nas redes sociais, a súa prevención e a resposta colectiva de apoio, e “Enredámonos?”, sobre as redes sociais, as problemáticas que se poden xerar nas relacións de parella, o cibercontrol, a prevención de relacións tóxicas e o empoderamiento.
– Para profesorado e familias interesadas en coñecer as vivencias que se experimentan en relación coas redes sociais, a adolescencia, o sexismo e a violencia nas redes, así como as ferramentas para xestionar e aprender a usar estes espazos, como ferramenta de crecemento tiña previsto dar a charla “Mocidade, redes sociais, ciberviolencia e educación emocional” no Salón de Plenos do Concello.
Esta actividade incluíase nas programadas para o ano 2018 dentro do Programa de Formación e Sensibilización en Igualdade e Prevención da violencia machista, dirixido a menores, mocidade e comunidade educativa do Concello de Tomiño, presentadas dende o Programa Munipal de Igualdade acolléndose a unha subvención da Área de Igualdade da Deputación de Pontevedra.Dinamizadora

A relatora, Ianire Estébanez, é psicóloga, experta en prevención de violencia en adolescentes e novas. Desde hai 10 anos investiga sobre a violencia no noivado e as agresións sexuais, ou o uso das redes sociais para a xente nova, para institucións como Emakunde, Goberno Vasco e o Observatorio Vasco da Mocidade.

Realiza varias publicacións, como guías, cómics, e materiais didácticos. Con ampla experiencia na realización de formacións e charlas (para institucións oficiais, gobernos e deputacións, concellos, centros educativos públicos e privados, e asociacións en todo o territorio español) é bloguera e activista nas redes sociais expondo situacións que enganchan coas realidades cotiás das mozas e mozos en internet. Desde o blog “Mi novio me controla…lo normal” e a iniciativa “Yo ligo, yo decido”, conecta con mulleres novas, utilizando metodoloxías de reflexión próximas ás súas realidades e facilitando procesos de empoderamiento persoal e colectivo.