Inauguración da Aula-museo Antonio Fernández, o venres 4 de xullo en Goián

A nova instalación foi deseñada polo arquitecto Xavier Pousa, fillo do artista do mesmo nome, que fora discípulo do mestre goianés

Coma colofón das actividades enmarcadas dentro do Ano Antonio Fernández, organizado polo Concello de Tomiño coa colaboración da Comisión Antonio Fernández, formada por entidades e particulares interesados en revalorizar e difundir a obra pictórica e filantrópica do artista goianés, o vindeiro 4 de xullo, ás 21.00 horas, será inaugurada nas vellas escolas de Goián, a Aula-Museo Antonio Fernández, que reunirá parte da obra e algúns obxectos persoais do pintor e filántropo xa desaparecido.

A nova instalación, deseñada polo arquitecto Xavier Pousa (fillo do artista do mesmo nome, que fora discípulo do mestre goianés) coa colaboración de Lara Leal e a Fundación Xavier Pousa, foi totalmente remodelada para acoller a colección doada por institucións e particulares.

As actividades enmarcadas dentro do “Ano Antonio Fernández. 2013-2014”, a modo de homenaxe póstumo, comezaron no mes de agosto do ano pasado, co Certame de Pintura ao Aire Libre, celebrado no Espazo Fortaleza.

Outras accións foron a creación dunha bolsa de investigación co fin de recoller e organizar a información existente sobre o autor, a exposición “Antonio Fernández, pintor de tres mundos”, e a creación desta “Aula-Museo”. Houbo máis actos conmemorativos, coma unha viaxe ao Museo Provincial de Lugo, un ciclo de cine e un homenaxe musical, procedendo tamén o goberno local a de nomear a Fernández “Fillo Predilecto a título póstumo”.