Javier Cebreiros abriu a III Semana da Educación de Tomiño coas súas “verdades idiotas” O comunicador explicou ao público que encheu o auditorio de Goián que “calquera gran mal ten como solución de base a educación”

Éxito rotundo de participación na Semana da Educación de Tomiño, que abriu este luns as portas da súa terceira edición cunha cheo absoluto de público no auditorio de Goián e co comunicador vigués Javier Cebreiros enriba do escenario. Socio do espazo de innovación social ‘Impact Hub Vigo’ e da empresa InfoJC, Cebreiros quixo explicar a os participantes na xornada as súas “verdades idiotas”, que son aquelas obviedades que todo o mundo coñece pero que “hai que aplicar de verdade” para cambiar a perspectivas: “cando estou mellor, traballo mellor; cando o meu xefe está mellor, traballa mellor; e podo mellorar”.

Blogueiro e autor de dous libros (‘Ser feliz no implica ser idiota’ e ‘Olvida tu lenguaje corporal’), para Cebreiros “calquera gran mal ten ao final como base da súa solución a educación” e é importante que a sociedade “reflexione sobre a nosa responsabilidade individual” tamén neste campo. Así, con exemplos e a interacción continua co público, Cebreiros foi facendo reflexionar aos participantes sobre a importancia das expectativas educativas do profesorado e a súa influencia nos resultados académicos do alumnado, así como na importancia da actitude positiva á hora de educar aos nenos e nenas para construír mellores persoas e mellores estudantes. “A nosa responsabilidade pode inclinar a balanza”, salientou.

“Dentro de 10 anos que neno vai ser máis feliz? O A, ao que se lle preguntarán todos os días tres cousas boas de forma incondicional, ou o B, ao que non se lle din nin se lle preguntan as cousas boas? O A, sen ningunha dúbida. É entón cando volvemos ás verdades idiotas… por que non o facemos?”, explicou durante a súa conferencia.

Este martes, conferencia de Alba Alonso

O grande éxito de participación e de público na III Semana da Educación de Tomiño fai que o goberno municipal xa estea a pensar na cuarta edición. Trátase dunha aposta pola educación na que estas xornadas xurdiron “como un foro onde falar de educación máis alá da escola e tendo en conta a responsabilidade de ser unha sociedade que está a educar continuamente”, asegurou a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, na xornada inaugural. “Dende o goberno municipal lle damos moita importancia á educación e esta semana é a guinda a todo o que o concello de Tomiño fai en materia de educación. Por iso cada ano traemos aos mellores”, destacou.

A Semana da Educación continúa este martes 20 de febreiro (19.00 horas) coa conferencia ‘O bullying de xénero, ou cando o mundo rosa/azul tórnase negro’, de Alba Alonso Feijóo. A cofundadora de RealKiddys, proxecto para promover a igualdade de xénero entre a infancia dende a transversalidade, invitará ao público a reflexionar sobre o estado actual do acoso nas aulas e nos fogares. Durante a súa charla ofrecerá aos participantes posibles e varias ferramentas para actuar contra os diferentes tipos de acoso escolar.