LUÍS FERNÁNDEZ E BRAIS CASTRO NO CAMPIONATO DE EUROPA SUB-23 DE SLÁLOM Do 16 ao 19 de agosto, celebráronse na cidade eslovaca de Bratislava os Campionatos de Europa Júnior e Sub-23 de slálom

De novo o Club Deportivo Miño deu colocado no equipo nacional a dous deportistas, neste caso Brais Castro e Luís Fernández, no equipo de C1 sub-23.

A súa participación comezou o venres 17 de agosto, coas clasificatorias, nun circuíto complicado e de moi alto nivel. No primeiro intento, Brais Castro, fixo unha baixada boa, con so dous segundos de penalización por un toque, pero demasiado lenta para entrar en semifinais, rematando vixésimo terceiro.

Pola súa banda, Luis Fernández, saltou unha porta, e con cincuenta segundos de penalización, tamén quedou fóra das semifinais coa trixésimo segunda posición. Na segunda manga, Brais volveu facer unha baixada boa, pero novamente demasiado lenta para semifinais, pero Luís fixo nesta ocasión unha baixada impecable que o meteu en semifinais.

O domingo celebráronse as semifinais de canoa, onde Luís volveu facer un percorrido sen penalizacións, pero algo lento que o deixou fóra das finais, pero con un máis que respectable décimo sexto posto.

Novamente o Club Deportivo Miño volve facer historia con dous deportistas na selección nacional, outros dous galegos tamén o conseguiron,  Ainhoa Lameiro e Daniel Pérez, do Piragüismo Penedo. Nesta ocasión a representación galega volveu sen medallas, pero coa cabeza moi alta, pois xa o gañar praza no equipo nacional é un reto que, ata fai uns anos, era un imposible para os piragüistas galegos, pois o slálom galego está subindo de maneira imparable, e ano a ano gaña en experiencia e en calidade.

https://youtu.be/o-Yhz5_iMSc

Informa: Rosa Fernández Carrera.