Máis de 240 persoas realizan en Tomiño o curso de manipulador de fitosanitarios

A alta demanda levou ao Concello a organizar máis módulos dos inicialmente previstos

 

O Concello de Tomiño continúa organizando cursos básicos de Aplicador-manipulador de produtos fitosanitarios (de 30 alumnos cada un, e 25 horas de duración), en colaboración con Baixo Miño Formación S.L., centro homologado con sede na comarca.

Os primeiros celebráronse xa no mes de marzo entre os días 8 e 18, en tres quendas (de luns a venres de 10.00 a 13.00 horas, de 15.45 a 18.45 e de 19.00 a 22.00 horas).

Para este mes de abril xa están pechados outros tres cursos nas mesmas quendas e que se celebrarán entre os días 18 e 28.

E para maio hai previstos xa dous cursos máis que se celebrarán do 9 ao 20, só nas quendas de tarde, pero nos que aínda podería haber algunha baixa e polo tanto quedar algunha praza vacante.

No caso de que continúe rexistrándose un nivel de demanda coma o actual, o Concello organizaría máis cursos, en datas posteriores.

As persoas interesadas deben pasar pola Oficina de Desenvolvemento Local do Concello; aportar unha fotocopia do DNI e cubrir un modelo de solicitude.

A realización do curso ten un custe de 45 euros máis 8,83€ de taxas de exame.