Máis de 300 nenos e nenas participan nas actividades de verán organizadas polo Concello

Os campus de fútbol, tenis e padel e piragüismo, seguen a ser os preferidos polos pequenos/as

DSC_0371 (Copy)

Máis de 300 nenos e nenas de Tomiño e arredores participan este ano nas actividades deportivas, culturais, medio ambientais, etc. organizadas polo Concello durante o verán.

O primeiro en comezar foi o cursiño de promoción do piragüismo, impartido por monitores do Club Deportivo Miño, para nenos e nenas de entre 8 e 14 anos, con 42 participantes, que poderán disfrutar desta actividade no río Miño ata o 8 de setembro.

Saber nadar e ter alo menos 14 anos, é requisito para poder participar na actividade “Rutas ambientais de descenso en kayak polo río Miño”, que se desenvolve todos os sábados de xullo e agosto.

DSC_0353 (Copy)

Outra das alternativas preferidas polos rapaces e rapazas son os campus de tenis e pádel, que entre ambos concentran case 80 participantes de entre 6 e 16 anos. As clases teñen lugar luns, mércores e venres ao mediodía dos meses de xullo e agosto, nas pistas da zona deportiva do Mosteiro.

Para o campus de fútbol, que terá lugar entre os días 18 e 30 de xullo, hai a día de hoxe 133 participantes de entre 5 e 16 anos. A actividade conta coa colaboración do Goián F.C. e A.D. Tomiño, desenvolvéndose nos campos de fútbol de Goián e A Carballa.

Campamento Urbano

Outra das propostas que volve a estar na programación de verán é o Campamento Urbano, para nenos e nenas nados entre os anos 2004 e 2011. A actividade comezou a semana pasada, con medio centenar de participantes, e estenderase ata o día 29 de xullo en horario de mañá.

DSC_0488 (Copy)

O obxectivo desta actividade de verán, segundo a concelleira de Mocidade, Fátima Rodríguez, é brindar unha alternativa a pais e nais que traballan e necesitan conciliar a vida laboral e familiar.

Esta edición do campamento, a diferencia doutros anos, ten lugar nas instalacións do CRA (Colexio Rural Agrupado) de Tomiño. Coordinado pola psicóloga Andrea Iglesias, a temática do campamento deste verán é “Pobos e Civilizacións Antigas”. Co apoio de varios monitores de ocio e tempo libre, e voluntariado local, cada semana se dedica a unha civilización, comezando por Exipto, Grecia Antiga, Celtas e Viquingos e rematando cos Pobos Indíxenas.

A metodoloxía de traballo é dinámica e participativa, con xogos e obradoiros, confección de disfraces, manualidades, etc.

“A nosa idea é que prime a integración entre os participantes (hai varios nenos con necesidades educativas específicas), así coma a transmisión de valores positivos, sempre dende unha programación lúdico-educativa”, explica a concelleira.

Para máis información, contactar co servizo de mocidade, cultura e deportes, no teléfono 986 622001; pasar pola OMIX (A Rocha, 8) en horario de mañá, ou enviar un correo electrónico ao enderezo omix@concellotomino.com.