Máis de 80 persoas participarán no primeiro campus deportivo Tomiño Cerveira A actividade, que se celebra do 24 ao 26 de novembro, foi elixida pola cidadanía dentro da primeira edición do Orzamento Participativo Transfronteirizo

Os dous lados da raia xa están preparados para disfrutar do deporte. Este venres 24 de novembro comezou o primeiro campus deportivo Tomiño-Cerveira, que se desenvolverá ata o vindeiro 26 de novembro en instalacións de ambos os dous concellos.

Máis de 80 nenos, nenas e adultos xa están inscritos para participar nas distintas actividades previstas. Ademais dos 40 inscritos, a metade galegos e a metade portugueses, para disputar os encontros de fútbol, a actividade que conta con maior participación é a de tenis de mesa e a de orientación en familia. Todas as persoas participantes recibirán unha camiseta técnica co lema do campus deportivo e unha mochila con froita e auga.

O campus arrancou este venres ás 16.30 horas (hora galega) coa cerimonia de apertura no pavillón municipal de Vila Nova de Cerveira e con dous partidos de fútbol amigable entre dous equipos mixtos formados por adolescentes de Galicia e Portugal.

O sábado 25 de novembro o campus continua coa actividade de orientación en familia no Parque do Lazer Castelinho de Cerveira, de 10.15 a 12.00 horas. Xa pola tarde trasladarase ao concello tomiñés, que acollerá un campus de atletismo e unha exhibición de calistenia na área deportiva de Mosteiro e outro de tenis de mesa no pavillón de Sobrada de 16.30 a 18.00 horas.

As actividades do domingo 26 de novembro están reservadas para facer en familia, con natación na piscina municipal de Vila Nova de Cerveira a partir das 11.00 horas e con pilates no pavillón de Goián de 12.30 a 13.30 horas.

Trátase dunha actividade elixida pola cidadanía dentro da primeira edición do Orzamento Participativo Transfronteirizo que ten por obxectivo educar en valores de tolerancia, cooperación, interculturalidade e respecto entre nenos e nenas dos dous concellos, así como fomentar o coñecemento cultural e social mutuo, o deporte saudable e a competitividade sen violencia.



X