Medalla de prata para o teixugo Luís Fernández na 1ª Copa de España de Slálom O Club Deportivo Miño-Os Teixugos acudiu á primeira das competicións da Liga Española de Slálom con oito palistas

Arranque das competicións da Liga Española de Slálom esta fin de semana coa celebración da 1ª Copa de España de Slálom, organizada polo Atlético de San Sebastián na localidade francesa de Orthez, canle francesa na que adestran habitualmente os vascos. E gran actuación do Club Deportivo Miño-Os Teixugos, que acudiu á cita con oito palistas, dous deles en calidade de abridores, que participaron para coller experiencia e adestrar pero sen posibilidade de puntuar para o club.

O titular da Concellaría de Deportes de Tomiño, Ismael Troncoso, quere felicitar publicamente aos compoñentes do club polo gran papel desempeñado nesta primeira Copa de España e polo grande esforzo que os deportistas realizan ao longo de todo o ano para prepararse para estas competicións.

Resultados

O club tomiñés regresou a casa coa medalla de prata de Luís Fernández en C1 sénior despois dunha impresionante actuación tanto o sábado coma o domingo, onde demostrou o bo momento que está a pasar como palista e rematando en segundo lugar tan só por detrás de Daniel Marzo e por diante do olímpico Ander Elósegui.

Xunto a Fernández, tamén moi boa participación de Brais Castro en C1 sénior, que fixo unha boa clasificatoria e conseguiu entrar en semifinais, cunha baixada na que os tempos da xornada do sábado pero que non lle permitiu meterse na final por dous segundos, rematando finalmente oitavo.

Na K1 sénior, a categoría máis numerosa e igualada, impresionante quinto posto para Manuel Ochoa a pesar dos problemas de saúde que ía arrastrando. Tamén quinto posto para Emilio Rodríguez, en K1 veterano, que fixo unha gran baixada nas clasificatorias tendo serias opcións de medalla, pero que non conseguiu completar na final. Pola súa banda, as representantes femininas do club non conseguiron entrar nas finais, rematando Laura Alonso en décimo quinto lugar en K1 sénior e Ariadna Pereira sexta en K1 cadete.

Unha cita importante

Tratábase dunha competición de gran relevancia, xa que xunto coa 2ª Copa de España que se celebrará en Mondariz organizada polo club Tea, vai determinar os palistas que formarán parte do proceso selectivo no que se escollerá aos deportistas que integrarán o equipo nacional de slálom para 2018.