Medio centenar de nenos e nenas comezan hoxe o campamento urbano de verán organizado polo Concello

A actividade ten lugar nas instalacións do CRA (Colexio Rural Agrupado), durante catro semanas do mes de xullo

Teixugos en Tui

Medio centenar de nenas e nenos tomiñeses comezan hoxe a asistir ao Campamento Urbano 2016 organizado durante o mes de xullo pola Concellaría de Mocidade do Concello.

O obxectivo desta actividade de verán, segundo a concelleira Fátima Rodríguez, é brindar unha alternativa a pais e nais que traballan e necesitan conciliar a vida laboral e familiar.

Esta edición, a diferencia de outras terá lugar nas instalacións do CRA (Colexio Rural Agrupado) de Tomiño. Coordinado pola psicóloga Andrea Iglesias, a temática do campamento deste verán será “Pobos e Civilizacións Antigas”. Co apoio de varios monitores de ocio e tempo libre, do grupo de voluntariado local, cada semana se dedicará a unha civilización, comezando por Exipto, Grecia Antiga, Celtas e Viquingos e rematando cos Pobos Indíxenas.

A metodoloxía de traballo será participativa e dinámica, con xogos e obradoiros, confección de disfraces, manualidades, etc.

“A nosa idea é que prime a integración entre os participantes, así coma a transmisión de valores positivos, sempre dende unha programación lúdico-educativa”, explica a coordinadora da actividade.

As actividades terán lugar de luns a venres en horario de 9.00 a 14.00 horas. Os nenos e nenas participantes, con idades comprendidas entre os 5 e os 12 anos, terán a oportunidade de aprender a relacionarse entre sí, contando coa asistencia de algúns rapaces e rapazas con necesidades específicas especiais.

Paralelamente, están xa impartíndose tamén outras actividades deportivas, culturais e medio ambientais, organizadas polo Concello durante o verán, coma os cursos de piragüismo, rutas ambientais, e campus de tenis e pádel, estando prevista a celebración do xa tradicional Campus de Fútbol entre os días 18 e 30 deste mes, destinado a rapaces e rapazas de entre 5 e 16 anos e coa colaboración do Goián F.C. e A.D. Tomiño.

O programa de verán ofrece tamén clases de Ioga Tibetano e Taichi para persoas maiores de 18 anos. O curso desenvolverase nos meses de xullo, agosto e setembro, cun custe total de 15 euros por participante.

Para máis información e inscricións, é necesario contactar co servizo de mocidade, cultura e deportes, no teléfono 986 622001; pasar pola OMIX (A Rocha, 8) en horario de mañá, ou ben enviar un correo ao enderezo omix@concellotomino.com