08 Ago 2016 Noite de estrelas, lendas, lobos e bágoas de San Lourenzo en Tomiño

O Concello de Tomiño organiza o vindeiro mércores 10 unha actividade nocturna para descubrir lendas e gozar das bágoas de San Lourenzo

Este ano 2016 todo apunta a que vai ser moi especial debido á intensidade con que se espera contemplar o fenómeno coñecido como Bágoas de San Lourenzo. Aproveitando a ocasión, o Concello de Tomiño organiza, coa colaboración do Instituto de Estudos Miñoráns IEM, unha actividade para todos os públicos que consistirá nun roteiro temático. As persoas participantes poderán disfrutar das lendas da zona, aprender sobre as antigas minas de ouro de Tomiño, e observar a chuvia de Perseidas que, como cada ano, presenciamos no mes de agosto.

O punto de encontro será o mércores 10 ás 19.30h. na Igrexa de Pinzás, e non é necesario inscribirse. Na mesma Igrexa, Rafael Quintía Pereira falará de mouros e mouras, como gañador da XX edición do Premio de Investigación en Ciencias Sociais “Vicente Risco” co texto “Análise estructural e simbólica do mito da moura”. Él, xunto con Bruno Centelles, Xilberte Mando e Xosé Lois Vilar guiarán a visita que comezará no lugar do Meixón, pasando polas Presas das Cuvelas, A Ponte do Río Frío, O Subulueido e facendo parada nas mámoas da Casiña do Ouro. O roteiro continuará até Os Buracos dos Mouros, minas de ouro romanas, e O Corno Ladredo preto do Foxo Pedriño.

Unha vez caia á noite, de lúa baixa e crecente, será o momento de observar a chuvia de Perseidas. Un serán e unha noite de mitología, toponimia, arqueoloxía, etnografía e estrelas.

A actividade enmárcase no programa “Tomiño Único” promovido pola Concellería de Turismo, Patrimonio e Mocidade do Concello de Tomiño, co obxectivo de dar a coñecer aos veciños e veciñas de Tomiño e visitantes o patrimonio etnográfico, arqueolóxico, cultural, arquitectónico e panorámico do concello mediante unha serie de actividades singulares, que destacan polo seu caracter innovador. Ate o momento as persoas participantes poideron descubrir os petroglifos do Monte Tetón, referentes a nivel europeo, nunha visita nocturna cargada de maxia e historia. Así mesmo as fortalezas ribeireñas vistas dende un kaiak foi outra das propostas do programa, que gozou dunha gran acollida e valoración por parte do público.

teton1 teton2



X