Novos éxitos dos Teixugos na IV Copa de España de Slalom Bronce para Brais Castro e Participación Internacional para Luís Pereira

Esta fin de semana celebrouse na localidade ilerdense de Ponts a 4ª e última Copa de España de Slálom Olímpico. Como xa é habitual os resultados finais desta competición obtéñense da suma dos resultados obtidos nas xornadas do sábado e do domingo.

Aínda que faltaron os integrantes do equipo nacional, incluído o Teixugo Luís Fernández, por estar concentrados na cidade de Praga preparando a Copa do Mundo, o nivel da competición foi moi alto.

O Club Deportivo Miño acudiu con seis piragüistas, que deron o mellor de si mesmos.

En K1 muller sénior Laura Alonso foi sexta, e Laura Soutelo e Marina Ruedas remataron empatadas na décima posición. Ariadna Pereira acabou quinta en K1 muller cadete e cuarta en C1 . Manu Ochoa rematou sexto en k1 sénior e,  por último, a mellor posición da xornada foi para o canoísta Brais Castro que se fixo coa medalla de bronce en C1 sénior.

Na clasificación final por equipos os Teixugos remataron oitavos, ao acudir a esta copa de España cun equipo moi minguado.

Por outro lado informar que na pasada semana, do 1 ao 4 de xuño,  celebrouse na cidade eslovena de Tacen o Campionato de Europa de slálom ao que acudiu o Teixugo Luís Fernández como un dos tres integrantes do equipo nacional de C1. Non tivo Luís moita sorte coa súa participación, rematando na trixésimo primeira posición. Nestes momentos atópase concentrado en Praga coa Selección  Nacional preparando a Copa do Mundo que se celebrará do 16 ao 18 de xuño.