O Campus Deportivo Cerveira Tomiño pechou a súa primeira edición con máis de 80 participantes O tenis de mesa e a saída de orientación en familia foron as actividades que mellor acollida tiveron

O bo tempo respectou aos máis de 80 participantes que esta fin de semana desfrutaron do deporte no sentido máis amplo da palabra durante o primeiro Campus Deportivo Tomiño-Cerveira, unha das actividades elixidas pola cidadanía dentro da primeira edición do Orzamento Participativo Transfronteirizo e que irmandou a galegos e portugueses a través da actividade física en distintas instalacións de ambos os dous concellos.

Dende o 24 ao 26 de novembro, todos os inscritos e inscritas puideron disfrutar dunha amplo abano de actividades para todos os gustos e públicos. Ademais dos 40 inscritos, a metade galegos e a metade portugueses, para disputar os encontros de fútbol da primeira xornada do campus, a actividade que contou con maior participación foi a de tenis de mesa no pavillón de Sobrada e a de orientación en familia no Parque do Lazer Castelinho de Vila Nova de Cerveira.

Entre as actividades das que puideron desfrutar os participantes estiveron un campus de atletismo e de calistenia na área deportiva de Mosteiro, así como de pilates no pavillón de Goián. Pola súa banda, no concello de Cerveira galegos e lusos puideron practicar natación en familia na piscina municipal. Todas as persoas participantes nalgunha actividade do campus deportivo recibiron unha camiseta técnica co lema do campus deportivo e unha mochila con froita e auga.

Trátase dunha actividade elixida pola cidadanía dentro da primeira edición do Orzamento Participativo Transfronteirizo que ten por obxectivo educar en valores de tolerancia, cooperación, interculturalidade e respecto entre nenos e nenas dos dous concellos, así como fomentar o coñecemento cultural e social mutuo, o deporte saudable e a competitividade sen violencia.