O CEIP Barrantes do Concello de Tomiño comeza as obras de remodelación do seu patio Os máis cativos e cativas da escola estrearán proximamente un renovado parque infantil

Coma tódolos anos, o Concello de Tomiño ven de realizar recentemente labores de mantemento e posta a punto na totalidade das súas instalacións educativas de cara ao novo curso escolar. Nesta ocasión, os e as escolares dos cursos de infantil do CEIP Barrantes desfrutarán tamén dunha obra de mellora de grandes dimensións que se está a realizar no patio da escola.

O proxecto busca adaptar o espazo, facelo máis funcional e de fácil mantemento, e foi consensuado entre o Concello de Tomiño e a Directiva da escola. Tamén o profesorado ao completo ve con bos ollos e apoia esta iniciativa, para que os nenos e nenas aprendan e xoguen nun ambiente máis en sintonía cun parque natural ao aire libre.

A idea proxectada é seguir unha estética de liñas sinxelas, combinando diferentes tipos de materiais coma caucho, herba natural e artificial, etc., para simbolizar e representar a conexión entre os tres elementos naturais: mar, terra e aire.

Os traballos comezaron a pasada semana e está previsto que rematen a finais de mes, coincidindo co progreso do primeiro trimestre do curso escolar.

A inversión, de arredor duns 17.000€ sitúase dentro da aposta do Concello de Tomiño de continuar cos investimentos nas instalacións educativas do municipio, buscando alcanzar unha educación pública valiosa e de calidade.